La Voz de Galicia

A nena feirante que mudou en recoñecida poeta

Pontevedra

maría hermida pontevedra / la voz

Quere que o mundo lle ensine sempre cousas; debe ser por iso que non é quen de estar quieta un minuto

02 Nov 2018. Actualizado a las 05:05 h.

Tamara Andrés (Combarro, 1992) ten o demo cultural no corpo. «Non paro», di ela mentres pasa a mañá do festivo de Todos os Santos ordenando e catalogando libros. Tamara, ademais de tradutora ou creadora escénica, é poeta. E esta semana chamouna por teléfono a escritora Fina Casalderrey para dicirlle que quedara finalista no Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández. Ela nin sabía que estaban valorando o seu poemario, Corpo de Antiochia, xa que son as academias as que propoñen as obras. E no seu caso foi a Real Academia Galega a que o fixo. Di que non deixa de recibir parabéns e que ata resulta algo estraño: «Parece que gañei eu, e non gañei, só quedei finalista. Aínda que para min é xa unha honra grande». O poemario polo que apostou a RAG é unha obra de madurez, di ela. E para que unha moza de 26 anos fale así debe ser que o seu coqueteo coa escrita vén de bastante lonxe.

Tamara é filla de feirantes. Así que se criou detrás dun posto de camisetas e calcetíns, nas feiras e festas de aquí e de acolá. Xa dende ben pequena debeu ter predisposición para narrar, porque cando verbaliza os recordos todo soa a literatura: «Había unhas festas ás que me encantaba ir, eran as de Cambados. Alí recordo moitísimos postos e sobre todo moitísimas cores... as cores daquelas mazás de caramelo, as luces da nora, os postos de lambonadas....». Tiña que axudar no posto, pero de cando en vez buscaba escusas para marchar dar unha volta. «Lembro as feiras e festas como un espazo de liberdade, onde sempre atopaba un anaquiño para poder ir mirar o que había por aí», conta Tamara.

Deses anos de infancia garda o que cre que foi o seu primeiro contacto coa escritura: un poema que lle saíu de dentro cando tiña oito anos. Despois, xa na adolescencia, empezou cos relatos, cos microrrelatos e coa confección de blogs, tan en voga naqueles anos. Dende moi cedo viu como o que ela escribía se acababa convertendo en premio. Gañou distintos concursos, como o da Fanpa. Non obstante, non deberon ser uns anos de todo fáciles: «Cando es moi nova e che gusta tanto escribir, a literatura... pois non te sentes moi comprendida. Ou eu polo menos non me sentín», conta. Nese momento, foi «a necesidade de fuxir» a que a fixo camiñar ata a poesía. Nunca desandou ese camiño. Entón, enviou un poemario ao concurso O Facho. Gañouno. E a partir de aí todo estivo moito máis claro. «Entrei no círculo literario poético e empezáronme a xurdir oportunidades», di. Unha delas chegou da man da editorial Galaxia, que precisamente publicou Corpo de Antiochia, o poemario que agora foi finalista no citado certame internacional.

Paralelamente, Tamara estudou Tradución e Interpretación e cursou despois dous mestrados. Elixiu a opción do francés. E a súa elección volve levarnos á súa infancia. A súa nai foi emigrante en Bruxelas, aínda que xa volvera á terra cando naceu Tamara. Malia iso, era habitual que lle falase francés ás súas fillas. «De pequena non cheguei a falar francés, pero si o escoitaba e entendíao», conta. Mentres estudaba, fixo un Erasmus en Bruxelas. Para ela non era unha cidade máis: «Medrei pensando que esa era a mellor cidade do mundo, porque así o sentía miña nai. Cría que era a cidade ideal», indica Tamara Andrés.

 

Tradutora de Kalandraka

A estancia non estivo mal. De feito, un tempo despois volveu a Bruxelas de novo. Entón atopouse cunha urbe máis apagada, con esa atmosfera gris que deixaron os atentados do 2016 e a crise dos refuxiados. E todo lle pareceu máis triste. E todo axudou a que do seu maxín saísen os poemas de Corpo de Antiochia.

Volveu á casa, a Combarro. E aí segue. Ou non. Porque non para. Non hai lideira cultural na que ela non ande metida. Participa activamente en todo o que ten que ver coa asociación Armadiña, fai intervencións aquí e alí nas que conxuga literatura e arte escénica, fai ballet e segue creando na escrita. Gústalle botar abaixo os mitos que rodean a vida dos poetas. «Hai moito estereotipo e moito mito. Non hai que estar deprimido para escribir poesía nin sempre se escribe ás tantas da madrugada... aínda que recoñezo que ás veces toca facelo non por gusto, senón porque non hai outro momento», explica. Gustaríalle poder vivir da tradución e da literatura. Pero cre que hoxe por hoxe, en Galicia, é imposible. De todos os xeitos, seguirao intentando. Máis que nada porque non entende outra forma de existencia sen ser creando.

O seu poemario «Corpo de Antiochia» quedou finalista no premio de poesía Miguel Hernández

Traduciu ao galego e ao castelán varios libros de Kalandraka, o que considera «unha honra»


Comentar