A Banda da Loba ouvea por Xela
Pontevedra
O grupo comeza unha xira para achegar a todos os públicos a poesía da escritora homenaxeada este ano no día das Letras Galegas
10 May 2021. Actualizado a las 12:38 h.
O próximo luns é o Día das Letras Galegas. A autora homenaxeada, Xela Arias, terá na Banda da Loba a mellor aliada para espallar a súa poesía máis aló das páxinas nas que non todo o mundo se detén.
Na banda militan as irmás estradenses Andrea e Marcela Porto -baixo eléctrico e percusión- xunto a Xiana Lastra -voz-, Inés Mirás -guitarra acústica- e Estela Rodríguez -violín-. O quinteto ten desde o seu nacemento unha relación especial co mundo literario. Ten musicado poemas de autoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra e tamén textos célebres de Celso Emilio Ferreiro, de Manuel María ou de María Victoria Moreno. Xela Arias xa era tamén protagonista dun tema do disco Fábrica de luz, unha homenaxe ás mulleres que saíu á rúa xusto antes do confinamento.
Ao coñecerse a dedicatoria das Letras Galegas deste ano a Xela, as artistas da Banda da Loba, como devotas da autora, decidiron dedicarlle algún tema máis para incluír nos seus próximos concertos. «Ía ser un tema ou dous, pero como somos moi traballadoras, unha vez que nos puxemos saíunos un EP de vinte minutos», explica Marcela Porto. Titúlase Hasme oír, veu a luz o 12 de abril e inclúe catro temas -un por cada poemario de Xela Arias- e catro interludios poético-musicais.
O EP está dispoñible en todas as plataformas dixitais e conta tamén cunha tirada reducida en formato físico que se poderá mercar en todos os concertos da banda. Neles tamén se poderán conseguir imáns e chapas benéficas de Hasme oír. Foron creadas por persoas con parálise cerebral e trastornos neuromotores vinculadas á asociación Amencer-Aspace, do Centro de Atención Integral Princesa Letizia de Vilagarcía. O obxectivo é visibilizar as capacidades da xente con diversidade funcional.
Maio vén para A banda da Loba cargado de actuacións. O primeiro concerto foi onte, no Museo do Mar do Vigo. A Banda actuará este mércores na Coruña, o xoves en Pontevedra, o venres na sede da Deputación en Vigo e o 17 no acto institucional das Letras Galegas na cidade olívica. Tamén estará o 14 en Carballo, o 19 no IES Puga Ramón da Coruña o 21 en Vilalba e o 27 en Bertamiráns (Ames).
Versos para os non lectores
Parte dos concertos serán para presentar o seu EP Hasme oír, dedicado integramente a Xela. Outros estarán enmarcados no proxecto Por Xela!, no que se conxugan música, intervencións poéticas e proxeccións audiovisuais. Por último, en Bertamiráns o grupo combinará a presentación de Fábrica de luz con Hasme oír.
«Xela dicía que a poesía hai que sacala do sillón dos lectores. É o que tentamos facer nós coa súa poesía. Penso que se puidese velo lle gustaría, porque ela tamén era unha creadora moi multidisciplinar. A súa poesía é complexa. Con mensaxes moi potentes pero complexa. Poñerlle música é unha forma de achegala a todos os públicos», explica Marcela Porto. «Eu son unha friki de Xela Arias. Encántame», confesa a intérprete estradense despois de repasar o historial da autora.
No marco das Letras Galegas A Banda da Loba tamén participa na serie documental A palabra esgazada, lanzada pola Real Academia Galega para dar a coñecer a figura de Xela Arias.