La Voz de Galicia

Gabri, de Dakidarría: «Estamos vivindo un momento que hai 10 anos era impensable»

Pontevedra

López Penide

A banda do Valmiñor presenta esta noite na Sala Karma o seu novo disco, «Colaxe», traballo concebido durante a pandemia

09 Apr 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Esta noite, Dakidarría presentará na Sala Karma o seu novo traballo, o sexto, un disco que, tal e como apunta Gabri, cantante e letrista da banda do Valmiñor, «foi concebido no momento do parón polo covid. Estábamos arrancando unha xira de cincuenta e pico concertos, coas pilas cargadísimas, íamos a tope e, de súpeto, tivemos que parar. Foi imposible xuntarse e tivemos que traballar a distancia. Este disco foise creando dende cada habitación de cada un de nós», remarca.

—Como se traduciu isto?

—Pois resultou ser un disco no que aparecen moitos estilos, moi diversos, que nos influencian a cada un de nós. E de aí ven o nome, Colaxe. Atópaste unha canción cunha base súper punk-rock, outra rapeira, logo cunha cumbia... É un colaxe con todos eses estilos ou subculturas que nos representan e das que fomos bebendo nestes dezaoito anos e que conforman un todo que é Dakidarría. É unha revisión dos estilos musicais que nos influenciaron.

—O curioso é que, a pesar desta mestura de estilos, os dez temas de «Colaxe» flúen como un todo, como un continuo.

—Si, ao final o conseguimos. Cando arrancábamos co disco, diciamos: «Ostras, non parece o mesmo traballo». Sen embargo, conforme íamos avanzando, mesturando e engadindo arranxos conseguimos que tivera unha continuidade. Pódese entender como un disco que ten unha coherencia, pero ao inicio non o víamos así. Víamolo como pezas soltas, como singles. Pero tamén mola porque unha colaxe tamén son sinxelos que sumados forman un disco.

—Un dos temas que sobresaen é «Pobo de artistas». Debeu ser complicado gravalo?

—Si. Foi o proxecto máis gordo deste disco, pero hai tamén algunha outra canción que tamén tivo moita historia detrás... Pobo de artistas é a máis espectacular porque reunimos a todo a xente que puidemos reunir porque moitísima máis xente quería vir, pero non se podía coordinar. A idea foi xuntar xente do mundo da música sen importar o estilo, co único requisito da paixón pola música e ser galega. Queríamos chamar a atención amosando que temos unha riqueza e unha variedade a nivel musical brutal e que, tal vez, moita xente non está valorado. Pero outra moita, si. Estamos vivindo un momento que hai dez anos era impensable, que haxa grupos en galego de tantos estilos, de tanta variedade e que ademais o fagan dun xeito tan mimado, tan coidado, tan profesional é, como digo, impensable hai uns anos. Contactamos coas compas e intentamos montar un coro do pobo musical galego, reivindicándonos a nós mesmas, dándonos forza, coidándonos entre nós porque é o único xeito de seguir avanzando, de seguir construíndo. É un canto a todo isto.

—Como vai ser o concerto de hoxe na Sala Karma?

—Estamos cunha ilusión tremenda porque son dous anos enteiros sen poder facera música como nós queremos. Tivemos que adaptar o formato, facer moitos menos bolos e, incluso, dunha banda de nove persoas como a nosa tocar só tres. Hai nervios como se fose o primeiro día, pero tamén moitísimas gañas de descargar esta adrenalina acumulada e apetéceme moito poder facelo en Pontevedra onde sei que vai haber moita xente coñecida e compartir escenario cos grandísimos Fondo Norte, que o seu último disco o gravaron con nós, no noso estudo. Repasaremos os clásicos de Dakidarría e tamén presentaremos cancións do novo disco.

—E con nova formación, non?

—Si, presentaremos a nova formación, que a ampliamos de cara esta xira. Coa pandemia e o parón, tivemos que reestruturar as nosas vidas. Vivir da música é moi complicado e moita xente, tamén de Dakidarría, ten que traballar noutras cousas. Coa pandemia cambiou a situación laboral dalgúns e houbo dous persoas que decidiron deixar a banda porque cambiou a súa realidade. Eramos seis, marcharon dous e contratamos a cinco, polo que somos nove e o fixemos porque os que ficamos pensamos que vamos a seguir a tope. Queríamos darlle unha volta ao espectáculo e engadir máis variedade, máis instrumentos e, coma sempre, líamonos. É como un Dakidarría 2.0 que hoxe pasará por Pontevedra.


Comentar