Venta de entradas para o concerto especial do Culturgal 2022
Pontevedra
Culturgal programa en Pontevedra un festival coa presenza de Antía Muíño, Néboa, Grande Amore e Berto
27 Oct 2022. Actualizado a las 17:54 h.
Dende este xoves, 27 de outubro, xa se poden mercar as entradas para o concerto especial do Culturgal 2022, que terá como protagonistas a Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore. «Catro propostas, catro talentos, que chegarán a feira como un furacán para celebrar os 15 anos de Culturgal. Electrónica, pop e tradición; a diversidade da música galega de hoxe nunha sesión única e singular», destacaron dende a organización. As entradas poden mercarse en cultur.gal a un prezo de 8 euros que inclúe, ademais do concerto, o acceso á feira.
O certo é que unha das novidades desta edición do Culturgal será #CulturgalSon15, unha proposta de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) que reunirá boa parte do novo talento musical do país. Este festival será o 26 de novembro, a partires das 20 horas, no auditorio do Pazo da Cultura.
Así, contarase coa presenza de Antía Muíño, cuxo tema Carta aberta ten mais de 900.000 reproducións contabilizadas en Spotify e ven de gañar o Premio Martín Códax da Música 2022 como Artista Emerxente, pero tamén con outros dous premiados nesta festa da música galega. Por unha banda, Néboa, que obtivo o galardón na categoría Pop e Indie cunha «proposta baseada no coñecemento da música alternativa e a sensibilidade pola instrumentación da música tradicional», e, por outra, Grande Amore, que pechará o #CulturgalSon15 despois de levarse para a casa o Martín Códax de Electrónica e apostando por un poxecto sorprendente e cargado de personalidade.
E entre medias, Berto, unha proposta que naceu en decembro do 2021 da man de Alberto Mira, músico e compositor pontevedrés que xa alterara o panorama musical galego co grupo Verto. En marzo deste ano, publicou Bailar Chikito.