La Voz de Galicia

Unha gala para poñer o foco nas mulleres do rural de Pontevedra

Pontevedra

López Penide
Gala Acciona o Rural, en la Diputación de Pontevedra

A Deputación Provincial acolleu a estrea da curta documental «Aquí está Carme»

04 Feb 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Máis de duascentas persoas asistiron este venres na sede da Deputación de Pontevedra á gala de Acciona o rural, cita na que procedeu á estrea da curta documental Aquí está Carme. Trátase dunha peza que «devolve o protagonismo a mulleres do rural da provincia como Mari Carmen, Teresa, María, Ester, Consuelo, Carmela, Laura, Amparo ou Otilia. Este extraordinario grupo dunha trintena de veciñas dos municipios de Silleda, Mondariz e Moraña participaron nos obradoiros de creación escénica organizados ao amparo do proxecto da Deputación», engadiron dende a institución provincial.

A peza da cineasta Anxos Fazáns «recolle o proceso creativo e as experiencias compartidas polas participantes durante a semana intensiva de duración dos obradoiros en cada un dos concellos».

Pola súa banda, e durante a súa intervención, a presidenta Carmela Silva congratulouse por esta «innovadora iniciativa» do colectivo Fiore di Zucca cuxa primeira edición demostrou «o poder transformador da arte na cidadanía e o enorme impacto das artes escénicas sobre o corpo e as mulleres». «É un obxectivo prioritario para esta administración visibilizar a todas as mulleres, con independencia do seu lugar de residencia, e tamén facilitar o acceso universal á cultura sexan de onde sexan e vivan onde vivan», engadiu.

A estrea de Aquí está Carme é a derradeira fase dun proxecto concibido como unha triloxía que comezou con tres obradoiros de creación escénica desenvolvidos en maio de 2022 neste tres concellos. Posteriormente, tiveron continuidade cunha mostra e, agora, esta iniciativa remata co audiovisual que rexistrou as experiencias das participantes. De feito, as veciñas implicadas no proxecto recibiron como agasallo unha planta de camelia da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e un USB con imaxes das actividades culturais nas que participaron.

 

Actuación de De Vacas

Dende a Deputación de Pontevedra incidiron, de igual xeito, en que «a arte foi a outra gran protagonista. Ademais do visionado da curta Aquí está Carme e da interpretación do poema escénico, subíronse ao escenario as integrantes do grupo De Vacas, Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández, que abriron a gala con Unha noite máis e pechárona con Noite e día».


Comentar