La Voz de Galicia

Irene San Juan, ilustradora: «Á hora de facer o deseño do Entroido de Cobres quería que houbese movemento»

Pontevedra

López Penide Pontevedra / La Voz Ilustradora

A artista coruñesa foi a elixida por Feiraco para ilustrar co entroido de Vilaboa as caixas de leite desnatado

10 Feb 2023. Actualizado a las 22:43 h.

Entroidos tan galegos coma nós. Baixo este lema, a empresa láctea galega Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, puxo en marcha unha iniciativa vencellada a estas celebracións homenaxeando a tres entroidos da comunidade. Deste xeito, as caixas de leite están ilustrados nestas datas coa imaxe de tres citas singulares: o Folión de Manzaneda, os Xenerais do Ulla e o Entroido de Cobres. «Son tantos os entroidos que existen na nosa terra que quixemos facer unha representación de tres deles a través da visión de ilustradores emerxentes galegos», destacaron dende Feiraco.

Mentres que O Folión de Manzaneda foi ilustrado por Bernardo Paz (Ribeira, 1984) e Os Xenerais do Ulla correu a cargo de Sarai Lorenzo (Cangas, 1995), Irene San Juan (A Coruña, 1981) asumiu a ilustración que acompaña ás caixas de leite desnatado que representado ao Entroido de Cobres, en Vilaboa. «Descoñecíao. Había outros que si coñecía, pero, xusto o de Cobres, a verdade que non o coñecía. Soábame, peor nunca me metera a ver cal era o máis característico. Non sabía nin como se bailaba, nin cal era a danza, nin porque se facía o porque se levaba toda esa vestimenta. Tiña unha lixeira idea, pero non profundizara», recoñece San Juan.

—Como foi o proceso de documentación?

—A verdade é que foi moi rápido. Busquei principalmente imaxes e vídeos e vin o que eu quería reflectir, que era movemento... O que máis me gustou, aparte dos sombreiros e as vestimentas, é que había moito movemento. O baile estaba sempre presente. Á hora de facer o deseño quería que houbese algo de movemento.

Irene San Juan, no centro da imaxeXaime Cortizo

—Como xurdiu a posibilidade de traballar neste proxecto?

—Foi a través dunha axencia da cidade da Coruña coa que xa traballara algunha vez na parte de produción. Sabían que era ilustradora e ofrecéronme a posibilidade por si me facía ilusión advertíndome de que había más candidatos, pero que presentará unha proposta en canto a tempos e demais. E así foi. Ao tratarse dunha empresa galega facíame bastante ilusión.

—De quen foi a elección do Entroida de Cobres?

—Non sei porque foi a través dunha axencia. Non sei de quen foi a decisión, penso que dende o mesmo Feiraco e tocoume a mín. Fíxome moita ilusión porque é moi floreado encaixaba, penso, moi ben co meu traballo.

Irene San Juan, primeira pola dereitaXaime Cortizo

—Antes falaba de que había máis candidatos para este proxecto, como foi o momento que lle comunicaron que era unha das tres seleccionadas?

—Estivo moi ben. Tiven que mandar o portfolio e fíxome moita ilusión. Dixéronme que foi porque o meu traballo encaixaba. Tocoume a caixa de desnatada que é en tons rosas e o meu traballo é bastante suaviño, de cores rosas e similares... Comentáronme que encaixaba no traballo e que para adiante. Moi contenta porque, a maiores, conleva moita promoción, visibilidade en redes... Gustoume a idea.

—Que outros proxectos ten en perspectiva?

—Estou cun conto para unha editorial galega e, ao tempo, con dous murais para outros tantos colexios. E tamén cun par de traballos persoais de contos que se van levar a editoriais a ver se encaixan. Son de particulares que queren meterse no mundo editorial e aínda non saben moi ben como, polo que lles axudo un pouco. Ao marxe da parte de ilustración, axúdolles co tema de saber como se presenta, como se fai... Máis o menos, podería resumirse en tres contos e dous murais.


Comentar