La Voz de Galicia

Tanxugueiras, Treixadura e Xabier Díaz, xuntos por primeira vez nun festival

Pontevedra

L. Penide Poio / La Voz

Poio acolle este sábado a cuarta edición de Sóns de Ánkar

28 Apr 2023. Actualizado a las 17:27 h.

O remozado Sóns de Ánkar, que hoxe alcanza a súa carta edición en Poio, reunirá por vez primeira nun festival a Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre (19.40 horas), Treixadura (21 h.) e Tanxugueiras (22.30 h.). Enmarcada na programación de Primavera en Poio, o festival experimenta nesta edición «unha importante transformación con respecto a anos anteriores, nunha data diferente e cun novo formato», destacaron dende o Concello.

O que non varía un ápice é a súa aposta polos grandes artistas e grupos de Galicia e o seu carácter gratuítos. O concelleiro Xosé Luis Martínez Blanco destacou que está habilitado un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións do parque de Ánkar, entre a Rúa Palestina e o Camiño das Bocas, así como precisou que, ademais da música, tamén a gastronomía terá o seu protagonismo, xa que se habilitarán varios postos de foodtrucks.

Tras apuntar que os horarios de comezo dos concertos son aproximados, Martínez Blanco recordou que Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre foron un dos grandes reclamos da primeira edición deste festival no 2020. Así, agardase «un gran espectáculo musical, cun directo chego de potencia e no que a percusión é unha das grandes protagonistas», mentres que de Treixadura destacaron que é «un dos grupos máis emblemáticos de Galicia, logo de iniciar a súa traxectoria musical en Redondela hai xa máis de tres décadas».

En canto ao broche do festival, este correrá a cargo de Tanxugueiras, trío que «está a protagonizar unha meteórica carreira desde a súa estrea hai apenas cinco anos, cun gran punto de inflexión no 2022, coa súa participación no Benidorm Fest.


Comentar