A bisbarra de Pontevedra homenaxea a Fernández del Riego
Pontevedra
O concellos programaron toda clase de actividades para festexar o vindeiro 17 de maio
14 May 2023. Actualizado a las 11:42 h.
Charlas, espectáculos teatrais, contacontos... Un sinfín de actividades que desenvolverán os distintos concellos da bisbarra de Pontevedra para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este 17 de maio está adicado a Francisco Fernández del Riego.
Deste xeito, Poio, que foi un dos municipios máis madrugadores, centralizou toda a programación no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó. Ao longo deste días sucedéronse distintos actos que terán colofón na gala deste mércores, onde dende as 17.30 horas celebrarase o acto de entrega de premios da trixésima primeira edición do Concurso Literario Xaime Illa Couto, que, unha vez máis, tal e como sinalou Raquel Rodríguez, edil de Cultura, «contou cunha participación moi alta», consolidándose como un dos certames culturais de referencia da contorna. Ademais, as xornalistas Belén López e Sara Vila abordarán o uso da lingua galega no mundo da comunicación.
Un día antes, o martes, a Deputación de Pontevedra organiza unha función de Migallas Teatro, Brincadeiras da lingua, dirixida aos nenos de ata 9 anos de Príncipe Felipe, mentres que para os maiores de 10 anos Culturactiva Producións ofrecerá o xoves a obra teatral Rosalía e, ao seu termino, entregaranse os premios do Príncipe das Letras e das Artes 2023.
Posteriormente, o 22 de maio, porase en escena un espectáculo teatral para a rapazada de secundaria titulado Un optimista radical, de Serafín Marcos, quen dende o 2003 realiza un labor divulgativo dos homenaxeados nas Letras Galegas.
Sen saír de Pontevedra, o Centro Social A Pedreira organiza durante estas datas a Festa da Lingua. O martes impulsan, dende as 20 horas e con saída da Praza da Peregrina, unha Rondalla pola Lingua, que rematará na Pedreira coa lectura dun manifesto. Seguidamente, actuarán Tres pés para un Suso e Sonoro Maxín.
Xa o mesmo 17 de maio, na rúa Serra haberá animación infantil con Sororas e Peter Punk. Tamén, así como un pasarrúas co grupo Foula e unha solta de libros viaxeiros polas rúas da cidade. Ao mediodía, sesión vermú coa música de Foula e un xantar popular que rematará cunha foliada.
Entre as distintas actividades que, pola súa banda desenvolverá o Concello de Pontevedra e que presentará nos vindeiros días, está previsto un concerto que, baixo o título de Música nas Letras, terá lugar a tarde do mércores na Praza da Ferrería.
Marín e Bueu
Bueu tamén prevé un amplo programa de actividades que arranca mañá no Centro Social do Mar coa entrega dos Premios Johan Carballeira (19 horas) a Manuel López, gañador na categoría de poesía, e Héctor Pena, na de xornalismo. A continuación, o historiador e mestre Arturo S. Cidrás presentará o libro A escola pública en Bueu.
O 16 de maio, pola súa banda, o aparcadoiro de As Lagoas acollerá Sons no Urbano! coas actuacións de Xosé Lois Romero e Aliboria, The Skarnivals e M@3DJ dende as 21.30 horas. De igual modo, a XXII Romaría das Letras celebrarase o 17 de maio a partires das 12 horas no Adro de Sanamedio (Bon) coa actuación de Os Liboreiros e Pais de San Roque, seguido de micro aberto. Pola tarde actuará Os Palleta Mollada e a cativada poderá gozar dun contacontos de Polo Correo do Vento. Tamén haberá xogos populares, así como cantina a favor do Bueu Atlético Balonmán.
Nesta mesma xornada, a Coral Polifónica Marusía organiza o habitual concerto das Letras Galegas ás 20 horas no Centro Social do Mar coa participación tamén da Coral Polifónica de Santa Comba de Cordeiro (Valga), a Coral Polifónica Queixumes do Hío (Cangas) e a Coral Polifónica de Salceda de Caselas.
Tamén en Marín comezan os actos dos Día das Letras Galegas este martes coa proxección de Matria (21.30 horas) na Alameda coa asistencia do director Álvaro Gago para un posterior coloquio. O propio 17 procederase a entrega dos premios do certame literario, así como está programado un concerto de Emilio Rúa e Rosa Cedrón neste mesmo entorno, no que, ás 19.00 horas, actuarán Arte&Maña.