Guerrilla convida en Pontevedra a unha viaxe polas loitas sociais
Pontevedra
MJ Pérez, O Rabelo, Olatz Gorrotaxtegui, Leo Bassi, Mercedes Peón e Fermín Muguruza son algúns dos nomes propios deste festival
29 Sep 2023. Actualizado a las 18:32 h.
A interseccionalidade nas loitas sociais é a esencia da terceira edición de Guerrilla, un festival que se desenvolverá no Teatro Principal de Pontevedra do 29 de setembro ao 8 de outubro cunha programación ecléctica. «Migracións, feminismos, colectivo LGTBIQ+, loita interxeracional e reivindicación da diversidade lingüística e cultural son algúns dos temas que abordan os diversos espectáculos e artistas que protagonizan estas xornadas», destacaron dende a organización ao tempo que destacan Pontevedra como «un exemplo a nivel de resistencia cultural e social».
Deste xeito, a programación arrancará este xoves (21 horas) cos concertos de MJ Pérez e O Rabelo. Trátase de «dúas figuras son chaves para entender as reivindicacións de xénero e diversidade afectivo sexual da música galega actual. Sobre o escenario preséntase a importancia do feminismo e daranlle unha volta aos roles de xénero, abrindo camiño cara un novo espazo onde os estereotipos de xénero se dilúen nun ambiente festivo, inmersivo e animado».
Ao día seguinte, Olatz Gorrotxategui leva a obra de teatro Mierda de Ciudad, la historia del rock radical vasco (21 h.) Esta artista multidisciplinar vasca reinterpreta a modo de western musical o auxe e caída do rock radical vasco, «unha historia sobre unha xeración que busca o seu lugar, chave para entender o contexto sociocultural da época».
Leo Bassi, Mercedes Peón e Fermín Muguruza protagonizan a recta final de Guerrilla, toda vez que o primeiro, o 5 de outubro (21 h.), estará no escenario do Principal co seu espectáculo 70+, «que está levantando paixóns alá por onde pasa. Nel, o famoso clown italiano reflexiona sobre o paso do tempo e conta como está vivindo a súa entrada na década dos 70: con vitalidade e ganas de facer cousas».
Mercedes Peón, pola súa banda, porá en escena o sábado, 7 de outubro, un espectáculo audiovisual e sonoro que pon en valor a loita das obreiras da fábrica de Pontesa.
E como broche da programación, o domingo, «contaremos coas protagonistas do documental de Fermín Muguruza, Essoh Romeo Atchori, Yedoh Aetz Atchori Lazkano e Miren Larraitz Lazkano Vendrell». Bidasoa 2018-2023 «pon voz ás historias afogadas nas augas do río Bidasoa entre Irún e Hendaia polo esforzo policial en evitar a entrada dos inmigrantes en tránsito cara o resto de países europeos. Un acontecemento real que viviu a fronteira pirenaico-atlántica natural do Bidasoa no verán do 2018», engaden dende a organización.
As entradas poden adquirirse en Ataquilla.es, de tal xeito que todos os espectáculos teñen un prezo de 10 euros, agás o concerto de MJ Pérez e O Rabelo, que custa seis euros, e o documental de Fermín Muguruza, que será de balde.