La Voz de Galicia

Dúas músicas chamadas Crúas que abraian aos mestres de galego

Pontevedra

María Hermida Pontevedra / La Voz
Alba Ermida e Iria San Marcial, que son naturais de Poio e Vigo respectivamente, e que levan un ano facendo concertos con Crúas.

Alba e Iria, Iria e Alba, tanto monta, monta tanto, cantan poesías galegas e convértenas en rumbas, muiñeiras ou pezas de jazz. Quen as escoita, repite

16 Feb 2024. Actualizado a las 12:32 h.

Durante anos, nos tempos nos que nin YouTube nin o Spotify estaban aínda nin se lle esperaban, no seu afán por achegar a poesía aos alumnos, moitos mestres de lingua e literatura galega botaban man dunha cinta ou dun disco compacto e púñanlle as cancións de Amancio Prada para que coñecesen as letras de Rosalía de Castro ou O Carro de Fuxan os Ventos para que soubesen o que escribira Manuel María. Pasou o tempo e, xusto no mesmo día no que dende as terras de Lugo chega a triste nova do pasamento de Xesús Mato, fundador de Fuxan os Ventos, xorde a entrevista con Alba Ermida (Poio, 1990) e Iria San Marcial (Vigo, 1996), dúas mulleres músicas que, como fixeran outrora grandes artistas, estanlle poñendo voz e música a poemas en galego, dende Rosalía ate Olga Novo ou Helena Villar, cun proxectos chamado Crúas. Fano dende os novos tempos, dándolle ritmo de rumba, de jazz ou muiñeira e é por iso que deixan abraiados a moitos profesores de galego, que volven ter unha ferramenta fermosísima para achegar a poesía á rapazada. «En cada espectáculo facemos unha introdución de cada peza, intentando que o público se fixe e se quede co que di a letra... actuando en Cambados unha mestra díxonos que a emocionamos», contan ambas.

Alba e Iria materializaron o seu proxecto musical hai menos dun ano. Crúas veu ao mundo en abril do ano 2023, nun concerto en Ourense. Pero o certo é que levaba aí moito tempo antes. Poderíase dicir que naceu en Bos Aires, o lugar ao que marchou Alba, que é de Poio pero vive en Carballeda de Avia (Ourense), a estudar e facer dramaturxia. Aló estaba cando o seu pai, o falecido e querido mestre Moncho Ermida, a foi ver con algúns libros de poesía baixo o brazo. Levoulle á filla poesía de Darío Xohán Cabana e de Rosalía de Castro e, quizais sen decatarse, plantou a semente do seu gran proxecto musical. Porque Alba, que estivera anos no conservatorio e tocaba o clarinete, comezou a cantar para tratar de pórlle música a eses poemas galegos. Xa de volta na terra nai, en Galicia, apuntouse a clases de canto e foi o seu mestre de técnica vogal o que a puxo en contacto con Iria San Marcial, pianista e tan entusiasta da poesía galega coma ela.

Coñecéronse, contáronse os plans e de aí acabou nacendo Crúas. ¿Por que esa palabra tan dura para un proxecto tan lindo? Querían reflectir que o que fan elas é coller a poesía tal e como está escrita e simplemente pórlle voz e ritmo, pero deixando que siga sendo «poesía crúa». Comezaron entón a musicar a distintos poetas galegos e debutaron sobre o escenario no conservatorio de Ourense, onde Iria ensina. 

Pronto se decataron de que o que facían gustaba. E comezaron a sumar ao seu repertorio poemas de distintas etapas e de autores ben diferentes. É Alba a que se encarga de rastrexar nos libros buscando esa poesía á que despois lle porá voz con Iria ao piano. Recoñece ela que na casa dos seus pais ten un tesouro pola enorme colección de poesía galega que atesouran. Van buscando temáticas distintas: «Temos pezas que falan da morte, puxemos música a un poema fermosísimo de Olga Novo falando da súa preñez... e agora estou buscando algún da emigración, un tema moi importante para os galegos e ao que tamén lle queremos pór música». Explican que queren chegar a público de todas as idades, tamén aos mozos, de aí que os ritmos sexan moi variados: «Viamos que hai necesidade de ter pezas actuais con poemas galegos», din. Cantan a poetas mortos e a outros que seguen vivos. A homes e a mulleres. E ás veces teñen a sorte de coñecer de primeira man que opinan os autores de como quedaron as súas letras. Animáronse tamén a compoñer cada unha un poema e, por descontado, puxéronlle tamén música.

Tiveron un bo número de concertos e esperan continuar por ese mesmo camiño. Se se buscan en YouTube, aí está o seu fermoso videoclip titulado Vals da lingua no que lle cantan ás letras creadas por Darío Xohán Cabana.


Comentar