La Voz de Galicia

Os Premios Martín Códax converten a Pontevedra na capital da música galega

Pontevedra

López Penide Pontevedra / La Voz

A gala rendeu unha cálida homenaxe a Emilio Cao co Premio Honorífico e recoñeceu a Gloria Pavía como Artista emerxente

16 May 2024. Actualizado a las 16:51 h.

Por unhas horas, e coa entrega da once edición dos Premios Martín Códax da Música, o Pazo da Cultura de Pontevedra converteuse no epicentro musical galego, un evento no que o tema de Ti que me levas, de Xurxo Souto, converteuse no himno da velada. Acompañado pola banda Xangai, transformou a gala nunha gran festa na que se homenaxeou a Emilio Cao co Premio Honorífico.

CAPOTILLO

Recoñecido por recuperar a arpa celta para a música galega, o compostelán iniciou a súa andaina nos primeiros anos setenta ata converterse en todo un referente no devir da música galega nas últimas décadas. Foi o seu fillo, Mateo Cao, quen recolleu o melómano da man do presidente das Bodegas Martín Códax, Xoán Allegue López, e da directiva de Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos galardóns, que, a través de Patty Castro, reivindicou a cultura de proximidade e a contratación de bandas e artistas galegos nas programacións musicais. Subliñou, de igual xeito, que estes premios son «un elemento de cohesión e plataforma para apoiar e potenciar a dignificación e profesionalización dos traballadores da musica no país».

CAPOTILLO

Os primeiros galardóns recaeron en Her Anxiety, banda viguesa de metal, e Guadi Galego, quen, tras máis de 25 anos de carreira, neste 2024 leva aos escenarios o espectáculo Síntese Horizonte. Brais Morán & Nasaufunk recibiron o galardón na categoría de Blues, funk e soul; o cantareiro e bailador Mondra, na de Electrónica; e Caamaño & Ameixeiras, como acontecera hai dous anos, na de Folk.

CAPOTILLO

O melómano de Música tradicional recaeu en Os Melidaos, que desde 2001 apostan polo futuro dos sons tradicionais desde Melide, mentres que Catuxa Salom, unha das revelacións da escena galega que mañá actuará en Pontevedra recolleu o de Músicas do mundo e mestizaxe. A Agrupación Musical de Goián, proxecto que mestura voces e instrumentos tradicionais con outros contemporáneos, fíxose co premio ás Bandas de Música Popular.

CAPOTILLO

Terbutalina recibiu o galardón na de Rock e punk; a artista coruñesa hydn, quen sorprendera aos eurofans coa súa proposta en galenglish, o de Músicas Urbanas; e América de Vigo, o de Orquestras, grupos e músicas de verbena, premio que xa recollera hai dous anos. Carme López, pola súa banda, colleu o de Música clásica e contemporánea, mentres que en Jazz e músicas improvisadas recoñeceuse ao Pablo Sanmamed Trío e Benxamín Otero; en Pop e indie, á poeta e compositora Lucía Aldao; e en Música infantil, a Uxía Lambona e a Banda Molona.

CAPOTILLO

Gloria Pavía recibiu o galardón a Artista emerxente, mentres que os Organistrum foron a parar á sala A Arca da Noe, o festival As Nosas Músicas de Couso e a Miudiño Sessions.

CAPOTILLO

A gala rematou como o que foi, coma unha festa con Xurxo Souto convidando a compartir o escenario a MJ Pérez, Ugia Pedreira, Sofía Espiñeira e Inés Naya, que foran intervindo en diferentes momentos da noite.


Comentar