La Voz de Galicia

«Antonio Palacios. Obra completa» compila as obras construídas ou proxectadas por este arquitecto

Pontevedra

L. Penide Pontevedra / La voz

O libro do arquitecto Álvaro Bonet presentarase este mércores no Edificio Castelao

11 Nov 2024. Actualizado a las 17:46 h.

A través do Museo Provincial, a Deputación de Pontevedra ven de publicar este ano Antonio Palacios. Obra completa. Publicación que será presentada este mércores (19 h.) no Edificio Castelao e na que o arquitecto Álvaro Bonet, un dos maiores expertos en Palacios, reúne 239 fichas perfectamente documentadas de obras construídas ou proxectadas polo arquitecto porriñés.

Deste xeito, Antonio Palacios. Obra completa, configurase como o catálogo definitivo da obra do de Palacios a través do que Álvaro Bonet identifica arredor dun centro de obras que ata agora non lle eran atribuídas ou non se coñecían, ademais de achegar documentación descoñecida sobre outras corenta construcións e proxectos. Nas súas 466 páxinas, o volume recolle «un gran número de ilustracións en cor, que inclúe fotografías actuais e históricas, planos e debuxos», de tal xeito que «pretende ser unha obra de referencia para calquera investigador que se achegue no futuro ao legado arquitectónico de Antonio Palacios».

MUSEO DE PONTEVEDRA

No que respecta a Álvaro Bonet, dende o Museo de Pontevedra destacaron que estudou Arquitectura na Universidade Politécnica de Madrid, así como que é membro fundador de Madrid Ciudadanía y Patrimonio, e autor de diversos estudos sobre patrimonio histórico madrileño. Na actualidade, centra as súas investigacións na figura de Antonio Palacios, ao tempo que «tamén publicou numerosos artigos e outros dous libros sobre o arquitecto porriñés: Trazar a mirada, guía de viaxe de Antonio Palacios (2021), e Mándolle os planos. O legado de Antonio Palacios en Nigrán (2023)», engadiron.

Ademais, firma un capítulo do catálogo da exposición de Vigo Antonio Palacios. Soños de modernidade. Compromiso con Galicia (2020), así como prepara a súa tese doutoral sobre este arquitecto e foi o director do Simposio Antonio Palacios que organizou o Museo o pasado abril.


Comentar