La Voz de Galicia

Os castelos de Soutomaior e Sobroso, bastións dun turismo desestacionalizado

Pontevedra

L. Penide Poio / La Voz

Luis López presentou este mércores a nova estratexia da Deputación de Pontevedra para estes espazos

13 Nov 2024. Actualizado a las 16:21 h.

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, presentou este mércores a nova estratexia desta Administración para converter os castelos de Soutomaior e Sobroso en bastións dun modelo de turismo de calidade e desestacionalizado. Acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, explicou as liñas mestras dun plan de divulgación en oito liñas de actuación, cun horizonte de catro anos e un investimento próximo ao millón de euros. «Nas Rías Baixas temos tesouros ocultos ou menos coñecidos, dúas xoias aínda por descubrir: son os castelos de Soutomaior e Sobroso. Esta convocatoria vai de axudar a que os de dentro e os de fóra descubramos a historia, a beleza e as múltiples posibilidades destes dous emblemas da nosa provincia», engadiu.

ADRIÁN BAÚLDE

Neste sentido, a deputada provincial de Turismo incidiu en que «cando falamos de plans, pensamos en fins de semana de descanso e descubrimento. Ese é un dos nosos obxectivos, que os castelos sexan parte do noso plan. Para iso, mesturamos ideas innovadoras con accións concretas para que os castelos se consoliden como símbolos emblemáticos das Rías Baixas e acaden o recoñecemento que merecen a nivel local, nacional e mesmo internacional».

ADRIÁN BAÚLDE

Baixo o slogan de Temos un plan para os castelos, só faltas ti desenvolveranse toda clase de actividades, dende roteiros de BTT e sendeirismo ata scape rooms ou obradoiros de poesía.


Comentar