Novos Cinemas selecciona os catros proxectos audiovisuais do laboratorio de desenvolvemento
Pontevedra
O festival de cinema de Pontevedra volve a amosar o seu compromiso coa formación cinematográfica
19 Nov 2024. Actualizado a las 18:48 h.
Un ano máis, o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas, amosará o seu compromiso coa formación cinematográfica impulsando seis días de actividades para cineastas emerxentes. Estas abarcarán dende os laboratorios de primeira longametraxe ata os encontros cos profesionais do audiovisual e os talleres con directores como Álvaro Gago.
Dende a organización de Novos Cinemas precisaron que catro proxectos de primeira longametraxe foron seleccionados para participar no laboratorio de desenvolvemento, #LAB, dirixido pola cineasta Isona Admetlla. Xunto a esta socióloga e xestora cultural con ampla experiencia como docente, consultora e deseñadora de audiencias disporase dun equipo de mentores de ámbito internacional composto por Lorena Morin, directora do MECAS (Mercado Internacional del Cine Casi Hecho), Lukas Valente, director e produtor, e a distribuidora María Vera, que orientarán aos equipos seleccionados ao longo de todo o proceso.
En canto aos proxectos seleccionados, estes son Un dios me ha robado el rostro, de Franco Figueroa (Arxentina); Me llamo Erik Satie, como todo el mundo, de Joanna Carro (Portugal); Feísmo, de Lorena Iglesias (Galicia); e Púa, de María Gisèle Royo e Julia de Castro (España).
No que respecta á sección Encontros, contará coa participación de dous cineastas galegos, Adrián Canoura e Ángel Santos, que compartirán imaxes inéditas das súas longametraxes. A nómina de participantes completase con Pedro Miguel Alves, da Escola das Artes ? Universidade Católica Portuguesa (Porto), que exporá as liñas mestras do programa académico nun dos centros de formación máis relevantes de Portugal, e co fotógrafo e realizador buenense Amador Lorenzo, quen presentará o seu proxecto de investigación fotográfica e audiovisual recompilado no libro Nacenza. Ademais, programouse unha mesa redonda sobre estratexias de promoción para o cinema de autor e emerxente con María Yáñez, María Vera e Lorena Morín.
Obradoiro infantil
A sección Aula de Novos Cinemas, pola súa banda, volve reforzar o intercambio de coñecemento entre profesionais do audiovisual e a cidadanía mediante talleres adaptados a diferentes públicos que promoven a aprendizaxe e a participación activa. Destacan o taller do director Álvaro Gago, en colaboración coa Universidade de Vigo, así como o impartido por Jamie Weiss, centrado na produción audiovisual e desenvolvido en colaboración coa ECAM (Escola de Cinematografía e do Audiovisual da Comunidade de Madrid), e un taller infantil sobre a planificación dun filme a través da creación dun storyboard en Aula + Novos.
O festival pontevedrés complementa esta oferta formativa con dúas iniciativas que achegan novos puntos de vista e reforzan as alianzas internacionais. Por unha banda, Carta Blanca convidou a Daniel Martins Maciel, do MDOC - Melgaço International Documentary Film Festival.
Por outra, a colaboración co Porto/Post/Doc evidencia e amplifica as conexións de Novos Cinemas co cinema e os festivais lusos.