Libros infantís para gozar este Nadal dende Pontevedra
Pontevedra
Propostas de catro editoriais da cidade do Lérez para que os máis pequenos se divirtan da lectura durante estas datas
22 Dec 2024. Actualizado a las 09:09 h.
Un libro, non só é un dos regalos máis socorridos nestas datas, senón que é unha forma de gozar destas festas de Nadal. Deste xeito, preguntamos a tres editoriais de Pontevedra polas súas propostas centradas, iso si, nun público infantil e xuvenil.
Neste sentido, Víctor Mascato, de Cumio Editorial, remarca que «sempre tivemos claro que o Nadal, infancia e libros son irmáns que van da man. O consumo que se fai de libros nestas datas é bastante significativo, así que tamén o foron os nosos esforzos para reforzar a nosa oferta de libros para estas datas tan especiais». Deste xeito, a súa primeira recomendación, «e que achega a todo o público familiar moita información sobre estas datas», é Nadalario, «un libro informativo na liña dos que nos últimos Cumio nos ten acostumados onde pon de releve a orixe de todas as tradicións relativas ao Nadal, os seus obxectos navideños, comidas e doces que se consumen no mundo e moitas curiosidades nesta celebración ao redor do mundo».
Outra das súas propostas é Alva e Papá Noel, «unha tradución dun advento que temos producido» desde a editorial. Editado en formato álbum ilustrado «vese como a familia de Alva e Papá Noel vaise preparando xa dende o 1 de decembro ata atoparse na noite de Nadal, pero tamén todo o que acontece polo camiño», engade Mascato.
Dende Cumio, de igual xeito, destacan que para aqueles nenos «máis creativos e que adoran participar nas decoracións da casa e os preparativos» esta dirixido Creactividades de Nadal. Os pequenos a partir de 4 anos poderán atopar neste libro «unha morea de actividades de todo tipo: preparación do Nadal, solsticio de inverno, celebración de Noiteboa o día de Nadal ou a última noite do ano...».
Por último, pero xa da editorial Triqueta, que dispón tamén dunha ampla oferta de libros de Nadal recén traballados, resalta dous títulos. O cantacontos de Nadal, «unha caixa con catro contos en tapa dura e con historias sobre a orixe das panxoliñas mais coñecidas polos pequenos da casa», e, por outra, Sempre Nadal, «todo un clásico traducido xa a máis de dez idiomas ao redor do mundo. Francés, italiano, portugués, grego, coreano ou xaponés, entre outros, e que ven sendo un clásico do Nadal dende hai anos» no que, «dende a ficción, nos conta e nos deixa ver cal é o verdadeiro espírito do Nadal».
Abrir unha xanela
Pola súa banda, Marisa Núñez, editora de OQO, ten claro que «agasallar un álbum ilustrado é abrir unha xanela a outras vivencias, a outro tempo, a outras realidades». A este respecto, remarca que dende esta editorial pontevedresa «tratamos de esquivar as tendencias mercantilistas e propoñemos álbums de sempre, libros que emocionan, lecturas que voltarán en distintos momentos acompañando os procesos da infancia, alimentando o imaxinario e medrando en significado, en cada lectura».
Entre o seu catálogo das últimas novidades propón Algo pasa na casa do lobo, «emocionante, rebelde en certo modo na actitude dos personaxes» onde a intriga e o misterio danse a man «para entender o poder transformador da literatura e gozar dos contos como unha grande aventura». De igual xeito, Marisa Núñez alude a Un banquete fabuloso, onde os lectores terán a oportunidade de coñecer «a coelliña máis intrépida e aventureira do bosque. A sabia e tenaz Peluxiña namora os lectores desde o seu nacemento: emoción e diversión asegurada!»,
E «se procuramos un conto para plantarlle cara aos monstros, Valentina Nunca Calas e o monstro da Media Cara, da narradora galega Charo PIta» é a resposta. «Un álbum para vencer o medo, deixándose levar pola fortaleza da protagonista, porque, ante o medo, convén lembrar o poder da expresión e da palabra», incide, destacando que estas propostas «representan a marca OQO. Libros feitos en Galicia, con imaxes creadas por grandes artistas, que invitan a voltar e gozar da arte e a literatura».
De Dickens a Carle
Kiko da Silva que conmemora o seu 25 aniversario.
E falando de clásicos, hai está Canción de Navidad, de Charles Dickens que Kalandraka presenta nunha edición de auténtico luxo e «renovada cunha portada diferente que realza o espírito do Nadal», obra na que o ilustrador florentino Roberto Innocenti deposita toda a súa arte.
Dende esta editorial, de igual xeito, destaca un novo tomo da serie de Gabrielle Vicente, O Nadal de Ernesto e Celestina, que se suma a outro título de temática navideña desta colección, Ernesto e Celestina perderon a Simeón. Ambos están traducidos por Tamara Andrés.
E tratándose de series non podía faltar outra das lecturas imperdibles destas datas para os máis pequenos, Un, dous, tres, Nadal é, de Nadia Budde.