La Voz de Galicia

Por Tutatis! Estes pontevedreses están tolos! Homenaxe aos tradutores ao galego de Astérix

Pontevedra

López Penide López Penide Bueu / La Voz

Isabel Soto e Francisco Xavier Senín remarcan que é un recoñecemento á súa traxectoria, pero tamén a unha profesión «un pouco invisibilizada»

06 Apr 2025. Actualizado a las 05:00 h.

Isabel Soto (Vigo, 1969) e Francisco Xavier Senín (Pontecesures, 1949), tradutores ao galego de, entre outras moitas obras, a banda deseñada de Astérix e Obélix, foron homenaxeados este sábado no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que remata este domingo. Foi un recoñecemento que recibiron «con moita alegría porque eu entendo que é un recoñecemento, sobre todo, á tradución, que é sempre un proceso un pouco invisibilizado. Recíboo moi emocionada pola miña traxectoria, pero tamén por todos os que se dedican a tradución», remarcou Isabel Soto, unha apreciación que fixo súa Francisco Xavier Senín.

ADRIÁN BAÚLDE

«Despois de tantos anos traducindo, que te recoñezan é un honor, desde logo. E que se acordasen de nós, dobre honor, porque podería ser outra xente. Hai moitos tradutores por aí», engadiu este último, quen non deixou pasar a ocasión de destacar que Astérix «é un personaxe que nos enganchou inmediatamente cando empezamos a traducilo. De feito, a partir de que nós empezásemos a traducir o Astérix desde o primeiro libro, que foi o 50 aniversario de Astérix e Obélix, a versión en galego sae exactamente o mesmo día que todas as demais linguas do mundo». «É un honor, para min, polo menos», acotou.

Ao seu carón, Isabel Soto ten claro que, sendo «un de tantos traballos que facemos, ocupa moito tempo e é moi difícil de facer porque traducir humor é complicado. Traducir banda deseñada tamén o é, porque hai que axustarse aos requisitos co espazo das viñetas, pero, aínda neste caso, Astérix é moi francés. É un produto cultural moi francés que, aínda que se edita en todo o mundo e en moitísimas linguas, estes procesos son moi complicados e moi traballosos. Hai que bautizar personaxes, hai que adaptar cancións, hai que darlle graza. É dicir, é complicado», remarca.

ADRIÁN BAÚLDE

Tanto Isabel Soto e Francisco Xavier Senín eran afeccionados ao cómics de Astérix antes de adicarse profesionalmente a traducilos ao galego. «Recordo —rememorou este último— que os meus primeiros Astérix linos en francés no ano 1974 ou por aí. Practicamente lin todos os que estaban publicados naquel momento nunha noite. Encantábame», ao que a viguesa engade que «eu tamén era lectora de Astérix de antes, si, si». De feito, garda unha anécdota que lle ocorreu de moza durante un entroido en Vigo cando «veu unha persoa disfrazada de Obélix a darme co menhir na cabeza. Recórdoo e digo: ‘Mira, quen ía pensar que eu ía acabar traducindo Astérix’».


Comentar