La Voz de Galicia

Caldas repartirá 2.000 euros nun concurso de curtas en galego para menores de 30 anos

Caldas de Reis

cristina barral caldas / la voz
O concurso de curtametraxes de Caldas está dirixido a mozos menores de 30 anos de toda Galicia

O certame xurdiu duns obradoiros e charlas para 4.º da ESO

28 Nov 2024. Actualizado a las 16:49 h.

Un idioma de cine. É o título da iniciativa na que o Concello de Caldas de Reis vai repartir 2.000 euros en premios no seu primeiro concurso de curtametraxes. Segundo explica o concelleiro de Cultura, Manuel Fariña (BNG), o galardón créase para recompensar a implicación da rapazada caldense nos obradoiros e charlas realizadas o pasado mes de outubro co fin de proxectar o talento no audiovisual e, á vez, promover o uso do galego.

A proposta xurdiu dentro da Programación de Normalización Lingüística municipal para a rapazada de 4.º da ESO do IES Aquis Celenis, CPR San Fermín e CPI Alfonso VII nunhas clases nas que mozos e mozas aprenderon como gravar as súas propias curtas: como debe ser o proceso creativo, a redacción do guión, a técnica de rodaxe e a gravación, a montaxe, e a pos produción das pezas audiovisuais.

Visto o interese e implicación, e aproveitando que con este tipo de actividades se aumenta a formación da rapazada e se potencia o interese pola lingua, a concellería de Cultura decidiu poñer en marcha o certame-concurso para «potenciar a creatividade e premiar os traballos máis talentosos». O concurso será aberto e poderán participar mozas e mozos de ata 30 anos residentes nalgún dos 313 concellos galegos. As curtas presentadas poderán estar gravadas con calquera dispositivo, deben ter unha duración máxima de entre 5 e 10 minutos e de temática relacionada co outono, podendo ser tanto de acción como de animación.

O prazo de inscrición rematará o 10 de decembro de 2024. A participación debe comunicarse a través do rexistro do Concello de Caldas de Reis, preferentemente a través da sede electrónica. O xurado estará composto por tres membros con voz e voto: o concelleiro de Cultura e dúas persoas con coñecementos técnicos sobre o mundo do audiovisual.

O primeiro premio será de 700 euros; o segundo de 500 euros, o terceiro de 300 euros e tamén haberá un galardón outorgado polo público á curta máis votada, que suporá ingresar 500 euros. Para poder ver as curtas presentadas a concurso as concellerías de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Caldas de Reis organizarán unha exhibición.


Comentar