Na procura dende Campo Lameiro das mulleres que o auxiliaron nunha crise epiléptica
Campo Lameiro
Quico Fariña recoñece sentirse abrumado pola resposta á súa iniciativa nas redes sociais
14 Jan 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Dende principios de ano, Quico Fariña está a mobilizar as redes sociais para tratar de localizar ás dúas mulleres que un mes antes o auxiliaron cando sufriu unha crise epiléptica «a uns tres ou catro metros de onde ía facer unha resonancia que tiña programada. Consiste en convulsións e perda de coñecemento».
A amiga que o acompañaba atopouse na tesitura de «entre agarrarme para que non caira ou ir avisar alguén do propio Hospital Provincial para que me botase unha man». Foi entón cando dúas mulleres, «parecían unha nai e a súa filla, ou tía e sobriña» acudiron no seu auxilio, de tal xeito que impediron que se caese da cadeira, «o que sería un problema porque xa me fixen dano outras veces», rememorou onte este veciño de Campo Lameiro.
«Dado que o problema que ten a epilepsia é que o cerebro non é capaz de gardar recordos e a miña amiga non estaba para fixarse na cara das persoas que a axudaron», Quico Fariña decidiu acudir a Facebook para tratar de localizar a esta sorte de anxos da garda. «Simplemente é para darlles as grazas porque axudaron a que non caese ao chan e se complicase máis o tema», engadiu.
Neste punto, quixo destacar o feito que «a rapaza que me axudou para que non caese, ao parecer, era adolescente». «Como nestes momentos os adolescentes están estigmatizados, parece que é culpa deles todo, de que non saiamos da pandemia, gustaríame romper unha lanza ao seu favor porque teñen valores, cualidades, que son empáticos, que son xente que se da polos demais e que é capaz de arriscar a súa propia saúde nun momento de pandemia para axudar aos demais».
Ao tempo, deixou claro que «é unha acción bonita, sobre todo, neste momentos», engadiu Quico Fariña. Ao tempo, apuntou que, cando recuperou a conciencia, estaba nunha camilla.
A resposta das redes sociais foi tan espectacular que este veciño de Campo Lameiro confesa estarse sentindo abrumado, pero todo queda compensado polo feito de que «todos somos capaces de ser bos. Parece que era algo como esquecido, pero somos capaces de ser bos, empáticos e solidarios, algo que me parecía máis lonxano do que realmente está, está moi preto. Non me esperaba esta resposta».
Transcorrido máis dun mes deste incidente, Quico Fariña atópase mellor á espera de ter unha cita coa neuróloga en febreiro, quen «será a que valorará todas as probas que me fixeron e se a medicación está ben ou si teño que facer algún cambio». Iso si, recoñece ata que pase un ano da última crise non pode conducir o que ten moitos inconvintes: «Vivo na Galicia rural. Teño unha serie de problemas que levo con gusto se isto se soluciona e podo levar unha vida normal».