Mostra homenaxe en Campo Lameiro a un referente na investigación dos petróglifos
Campo Lameiro
![](https://cflvdg.avoz.es/sc/KZg2NKfvRlJdpOqOQ0ERxyn_XUw=/768x/2022/08/03/00121659547982323852271/Foto/P03G2067.jpg)
«Memoria e legado de R. Sobrino Lorenzo-Ruza» poderá visitarse no Parque Arqueolóxico ata o 15 de setembro
04 Aug 2022. Actualizado a las 05:00 h.
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro inaugurou a exposición temporal Memoria e legado de R. Sobrino Lorenzo-Ruza, mostra impulsada polo Colectivo a Rula e a familia de quen está considerado como unha das persoas que máis traballou no eido dos petróglifos en Galicia. A exhibición, que estará aberta ata o 15 de setembro, explica en dez paneis unha das figuras no eido da arqueoloxía que máis coñecía o mundo da arte rupestre galega ou, como dicía Carlos Alonso Real, «o home que máis sabía de petróglifos».
![](https://cflvdg.avoz.es/sc/xMsV9t48ib8CutsYXp_eGUH6Nec=/768x/2022/08/03/00121659547922462131249/Foto/P03G2066.jpg)
Tras pasar polo Museo do Pobo Galego e o Museo de Pontevedra, a mostra complementa a exposición permanente que exhibe o PAAR. «A traxectoria deste grande investigador da arte rupestre tamén estivo vinculada ao estudo dalgúns dos grandes petróglifos incluídos na actualidade dentro do Parque Arqueolóxico, como a Laxe da Forneiriña ou Outeiro dos Cogoludos, dando continuidade ó traballo realizado polo seu pai, o tamén arqueólogo Ramón Sobrino Buhígas».