O goberno local de Poio leva ao pleno o convenio para humanizar a PO-308
Poio
As actuacións contan cun investimento que supera os 1,7 millóns de euros
23 Nov 2024. Actualizado a las 18:15 h.
O goberno local de Poio trasladará ao pleno municipal deste martes o borrador do convenio coa Xunta para humanizar e acondicionar o treito inicial da PO-308, comprendido entre A Barca e Casal de Ferreirós. Trátase dun proxecto que conta cun investimento que supera os 1,7 millóns e que, entre outras actuacións, inclúe o cambio de titularidade da estrada en favor do concello.
Dende o Concello precisaron que se contempla a reordenación e optimización do espazo público da vía coa delimitación clara do uso e funcións das distintas zonas, así como a renovación do firme da calzada, pavimentación de beirarrúas, aparcamentos e calzada cos carrís proxectados. «Humanizarase o espazo con zonas axardinadas e mobiliario urbano potenciando así os desprazamentos a pé, transformando a imaxe dunha das entradas principais de Poio e do núcleo urbano de San Salvador cunha visión moito máis amigable», engadiron ao respecto.
Así mesmo, reservaranse zonas de carga e descarga e prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, ao tempo que se proxecta a reposición de servizos básicos de saneamento, abastecemento e pluviais, sinalizacións horizontais e verticais e canalizacións subterráneas para telefonía e electricidade que substitúan os actuais tendidos aéreos.