«El Pueblo Gallego», un especial para recordar 40 anos de autonomía
El Pueblo Gallego
La Voz de Galicia rescata esa histórica cabeceira para honrar o Estatuto de Autonomía cun monográfico no que escriben protagonistas daquel fito histórico, se analizan os artigos esenciais dese documento e se recollen os cambios en Galicia desde aquel 1981. O domingo, gratis co xornal
22 Apr 2021. Actualizado a las 05:00 h.
O vindeiro mércores faranse xusto 40 anos desde que o Boletín Oficial del Estado daba vixencia a un documento polo que os galegos pelexaran durante anos. Ese día, asinada polo presidente Leopoldo Calvo-Sotelo, vía a luz a Ley Orgánica 1/1981, de 6 de abril, de Estatuto de Autonomía para Galicia. La Voz de Galicia fai un completo repaso do que supuxo, e supón, aquel texto nun suplemento especial que se entregará este domingo co xornal. E para unha ocasión histórica coma esta, La Voz recupera unha cabeceira simbólica na loita polo autogoberno e a autonomía, El Pueblo Gallego, diario que se significou na defensa do país antes da Guerra Civil, cando Galicia logrou ter o seu primeiro Estatuto, en 1936. Esa cabeceira, xunto a unha ilustración creada a propósito por Siro López, serve de presentación dun especial no que escriben dirixentes políticos, académicos e historiadores que viviron en primeira persoa aquel momento. Faise un repaso completo polos axitados anos previos á aprobación do Estatuto, o referendo de aprobación, a constitución do primeiro Parlamento e as competencias que viñeron despois.
Tamén se pon o retrovisor para recordar como era aquela Galicia de 1981, cunha soa universidade, sen case autoestradas, na que o paro apenas superaba o 6 % e un abrigo custaba 4.000 pesetas.
Esta tarde, terceira mesa de debate: o galego no Estatuto
La Voz de Galicia emite esta tarde, a partir das 19.00 horas na súa páxina web e tamén a través do seu Facebook, o terceiro debate ao redor do Estatuto de Autonomía, neste caso achegándose ao que supuxo aquel texto para a protección do idioma galego. Moderado pola xornalista Sandra Faginas desde a redacción central de La Voz, o faladoiro contará coa participación da profesora da UDC Pilar García Negro, o académico da RAG Henrique Monteagudo e a membro da Fundación Penzol Malores Villanueva.