Unha ninguén
Relatos de Verán
28 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.
A DKW pasara tan preto e a tal velocidade que o refacho viroulle unha guedella para diante dos ollos, sen que ela fixera o esforzo por retirala, como se, conscientemente, buscara ocultarse. O certo é que Z. xa se resignara na súa insignificancia.
Pasara da precipitación á condensación case sen decatarse, descubrindo prematuramente a súa mediocridade. Paseniño, desertando das expectativas e co suborno da preñez, os muros sen fin dunha albariza imaxinaria levantáronse ao seu redor («Fora só hai perigos, nena. Estás ben mellor aquí»). Entre todos fixéranlle crer que as súas inxenuas aspiracións materializábanse nunha eira enlamada, nunhas xanelas febles e esparexíanse irremediablemente por aquel chan sempre sucio.
Agora os seus pensamentos e ideas son as que antes consideraba detestables e acabara por chamarlle meu pai a aquel vello testalán que berraba por ela desde o cuarto de arriba. Apagou nerviosamente o cigarro que pola noite furtara do peto interior da chaqueta do pailán de seu home, refregándoo contra a pedra do couzón onde estaba apoiada e lanzou a cabicha á estrada, o máis lonxe que puido. Recompúxose o cabelo e penetrou outra vez na caverna.
Na cociña de ferro a auga da enorme pota encarnada estaba a entrar en ebulición. Anicouse para botar un madeiro ao lume e puido ver o seu reflexo na superficie convexa da ola, recoñecéndose absolutamente naquela deformación metálica. Antes de subir, a súa vista detívose nunha amarelada lata de pemento que estaba no fondo dun dos andeis superiores da lacena.
Pensou que se cadra podía darlle outro uso á sórdida infusión que, cando se dispoñía a marchar de Almeillás, a señora Basilisa preparara para ela facía anos e que aínda non tivera ocasión de catar.
Fernando Paz Valiña. 45 anos. Santiago.