O divino e o humano
Relatos de Verán
30 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Sempre che gustou o azul; xa desde pequena. O único vestido que lembras da infancia era desta cor, a cor azul celeste do día.
Unha das imaxes máis vivas coas que te visualizo é recibindo a prenda, simulando que non te decatabas da atención que recibías dos adultos. A roupa que recibiches aquel domingo de Ramos fixérate florecer. Sorprendida e satisfeita, a incipiente autoestima emerxeu, sementando unha pequena parcela de seguridade. O azul continúa a ser, nas variadas tonalidades, a túa cor preferida. A quen non lle gusta o azul ultramar? O azul da mesma tonalidade profunda do ceo xusto despois do solpor que se asimila á divindade, á perfección.
A miúdo recostada no sofá na quietude da casa, acompañas ás tenues nubes viaxeiras que subidas nun lene e imperceptible vento, avantan lixeiras cara o norte nun festivo xogo.
Pero a visión celeste que te conmove é esa dunha tarde no corazón da primavera cando entre o azul vívido, intenso, xerador de optimismo, toman praza, estacionándose, abundantes grupos de cúmulos. Preñados de brancura algodonosa albiscan con deleite os verdes prados, os vellos outeiros ondeantes que abrazan a extensa chaira central desde tempos inmemoriais; as empequenecidas árbores, as fitas de prata serpeantes que regan a terra.
Á túa vez nese xogo recíproco que te deleita entre as súas figuras xigantescas de cisnes, crocodilos e as crías que os acompañan, atráete nese fantástico espectáculo aberto a todos, mais soamente a ti dirixido, unha illa luminosa. o seu recordo de luz fixo presenza en ti.
Será un paso franqueable para o máis alá? —preguntácheste xa absorta e tocada polo divino. Si, a través dos raios, nun aloumiño livián e desouvindo o escintileo do corazón, sentácheste a carón dela, e coma nos seus últimos anos, o cálido silencio do seu contacto inundoute cun intre de felicidade podendo mergullarte no seu cerne coma na primeira vez. «Como non recoñecela?», confesáchesme, nesa única figura humana de cúbito supino perfectamente definida e diferenciada dos outros adobíos de algodón no impoñente azul embriagador.
Uxía Villarino Rodríguez. 69 anos. A Coruña.