Qué facer cos nosos maiores: vivendas teleasistidas ou residencias?
RED
Temos que preguntarnos se é razoable que propietarios de espazos vitais controlables dixitalmente ocupen un espazo nun centro que debería estar destinado ás persoas que teñen peores índices de capacidade, como acontece nos países nórdicos
14 Nov 2022. Actualizado a las 16:12 h.
Desde hai décadas estase a producir no mundo un fenómeno que afecta particularmente e España e gravemente a Galicia: o envellecemento da poboación nos países desenvolvidos. É resultado ?en xeral? da baixa da natalidade, á que cómpre sumar en España a emigración de xente nova con formación superior, caso dramático en Galicia. Como consecuencia, desaparece a familia tradicional, na que membros da xeración activa coidaban dos maiores na casa. De aí que proliferasen as residencias de anciáns e aumentasen notoriamente os lares baleiros dos avós.
Durante o tempo en que se produciron esas mudanzas, a electrónica, a telecomunicación e a informática acadaron resultados espectaculares na domótica, a robótica e a telemedicina. Aínda máis, os responsables científicos, empresariais e políticos neses campos viñan vendo o avellentamento poboacional e a necesidade de integrar os maiores como axentes do que se deu en chamar vulgarmente «dixitalización» (que, se cadra, en puridade, debería ser «telematización»).
Velaí polo que a Unión Internacional das Telecomunicacións dedicou o ano 2022 ás «tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable». Dentro dos actos anuais da UIT, en marzo reuniuse en Xenebra a Asemblea Mundial de Normalización das Telecomunicacións e en xuño tivo lugar en Kigali a Conferencia Mundial de Desenvolvemento das Telecomunicacións. Nelas, desde Suíza a Ruanda, de xeito global tratouse de «romper os ciclos de exclusión e acelerar a transformación dixital para todos». E a onda chegou á Fisterra europea: o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia celebraban en setembro a Noite Galega das Telecomunicacións co lema A Dixitalización sen fronteiras sociais.
No discurso do decano do COETG e presidente da AETG nese acto houbo un parágrafo moi significativo á hora de enfrontarmos o dilema de onde están mellor os anciáns, se na casa ou na residencia: «Debemos loitar contra a discriminación por idade: a fenda dixital non debe abordarse desde o idadismo, nin caendo en paternalismos. Debemos eliminar a crenza de que as persoas maiores son incapaces para a tecnoloxía ou unha carga para a sociedade. Os maiores son persoas diversas que teñen moito que achegar como cidadáns, e por iso é importante crear estratexias que fomenten a súa participación na sociedade, e desenvolver espazos de encontro interxeracional».
Certamente. Hai estudos dabondo polo mundo (notoriamente nos EE.UU.) que veñen demostrar como as persoas no «outono da vida» prefiren morar onde o levan facendo moitos anos, e que unha alta porcentaxe delas está disposta a colaborar cos elementos humanos e telemáticos ao seu dispor. Ora ben, non todas as persoas camiñan cara ao seu «inverno vital» ao mesmo paso. E, de aí, que aparezan os índices de Barthel e de Katz para marcaren capacidades e habilidades que naturalmente se van deteriorando. En resposta ás situacións sucesivas de deterioro cumpriría incrementar na vivenda os servizos de asistencia de persoas e equipamentos, co correspondente aumento de gastos. Finalmente, tal vez o internamento en residencia sería a única solución.
Canto á organización de axuda aos maiores que prefiren residir nas súas casas, existen varios modelos a salientar en países tecnolóxicamente avanzados como os escandinavos, Alemaña, Inglaterra, Holanda ou os Estados Unidos. Hai países con ese nivel de vulgarización das TIC onde as residencias de anciáns fican destinadas exclusivamente para as persoas cos peores índices de capacidade segundo Barthel ou Katz.
Se entramos na realidade española, podemos logo comprobar que a maioría das persoas da terceira idade son propietarias da súa vivenda (caso que non se dá noutros países), o cal engade unha variable peculiar á ecuación que se debe resolver a nivel económico do Estado: ¿é razoable que propietarios de espazos vitais telecontrolables e teleasistibles ocupen lugar nas residencias? E, xa na realidade galega, nun país que ten a metade de núcleos de poboación de toda España, ao espazo da vivenda habería que engadir o terreo onde os maiores se recrean («miña casiña, meu lar, cunha hortiña detrás»), nada comparable aos xardíns dunha residencia.
Item máis, nos sistemas sanitarios ?e nomeadamente o Sergas? hai un obxectivo asistencial que vai do hospital expandido á teleasistencia, esta moi estudada, que diferencia entre pacientes ocasionais e crónicos a residir en lares telematizados.
Alén do devandito, todas as administracións en España andan no empeño de que a telecomunicación de alta velocidade non deixe sen cubrir ningún recanto da complexa orografía ibérica. Daquela, o que lles fica por facer é un exercicio de contas que inclúa todas as variables da ecuación da optimización, para decidiren se é sostible o presente modelo de abandono da vivenda e emigración á residencia. As TIC contan moito, e as asociacións profesionais dese ámbito están desexosas de intervir nese exercicio. Cando os administradores dos bens da cidadanía quixeren convocalas, hanas atopar dispostas. Seguro.
Xavier Alcalá. Vogal do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.