La Voz de Galicia

Rúas con nome e apelido

Santiago

Concha Pino santiago

Crónica | As novas incorporacións ao roteiro da cidade O Concello ofreceu unha recepción a 23 personalidades ou familiares seus ás que distinguiu asignándolles un espazo, dunha lista de 37 nominacións e un esquecemento

13 Feb 2004. Actualizado a las 06:00 h.

O roteiro compostelán incorporou nomes novos. Parece unha tontería, pero hai moita xente que acariña o soño de chegar a ter algún día unha rúa co seu nome. E se ben son moitas as persoas susceptibles de tal recoñecemento, só uns poucos son chamados a ese reino. O habitual é que a decisión de darlle o nome dunha persoa concreta a unha rúa se adopte, a proposta de amigos ou colectivos, cando morre o personaxe. É o caso do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, do escritor Carlos Casares, do galeguista Manuel Beiras, o xornalista Diego Bernal, o intelectual e político Domingo García-Sabell e de Raimundo García Domínguez Borobó, por citar a seis dos homenaxeados onte no Concello entre as 23 personalidades, ou os seus familiares, convocadas. Algunhas persoas están gozosamente vivas, como a escritora Xohana Torres, que escusou a súa asistencia, o ex presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor e os pintores Alfonso Sucasas e Xaime Quessada. Só hai un caso dunha entidade, o Colexio La Salle. Pero a lista de nominados pendente de rúa é de 37. Nela figuran persoas que non podían citar á recepción, ben porque son xentes da Idade Media coma Joam Airas de Santiago e Airas Nunes, porque non teñen descendentes coma Teresa de Calcuta ou son impersonais como Letras Galegas, Irmandades da Fala ou Mártires de Carral. Pero nunha lista e noutra hai unha ausencia clamorosa e que apenou fondamente ao afectado: o escritor Salvador García-Bodaño, compostelán de adopción porque leva vinculado a esta cidade moreas de anos, e non só como persoa física, senón porque lle dedicou os versos máis fermosos e ata o seu discurso de ingreso da Real Academia Galega. A García-Bodaño doeulle que se esqueceran del, malia que se desculparan por mor dun erro de papeleo. E por riba non puideron enmendar o fallo, aínda que fose un pouco a contrapelo, porque no acto entregáronlles un pergameo «imposible de improvisar porque é artesanal», como explicaron no Concello. A proposta de dedicarlle unha rúa a este escritor e académico foi aprobada nun pleno en decembro de 1998, xunto con outra a Uxío Novoneira, que xa a ten en Conxo. Pero García-Bodaño non volveu saber nada. Non é estraño que se sentira molesto, porque os homenaxeados onte foron distinguidos no 2001 e no 2003, e moitos deles non teñen aínda rúa asignada. En desagravio, García-Bodaño Zunzunegui merecería que lle deixaran elixir onde quere ter unha rúa. Porque como dixo el mesmo, «xa non son un mozo e gostaríame ir pasear pola miña rúa». E que estivera á altura dos seus poemas de Tempo de Compostela , un fermoso libro que editou un personaxe coma poucos de Compostela, veciño da Caldereiría e falecido hai poucos anos, que non ten rúa nin proposta: Luís Mariño.


Comentar