La Voz de Galicia

VAI POR AÍ NA FIN DE SEMANA Tamén temos underground

Santiago

07 Jun 2006. Actualizado a las 07:00 h.

Un dos problemas do underground é que se institucionalice. Que llo pregunten a Nico. Aínda que hai mañás que non o parece, non temos metro pero temos underground con bandas que van e que veñen, con grupos que se disolven e con outros que se refundan para facer o mesmo con outro nome. As xenealoxías do rock son un pouco cansas e con certa tendencia á mítica que entra en contradición co seu carácter pouco histórico, pero en fin, é só rock and roll. Tamén ten un punto de contracorrente facer grandes festivais con grandes estrelas do rock e a súa interminable petición de toallas por estrear. Nalgunha época mesmo estaba mal visto ser estrela e facer rock. Pero tamén é verdade que os tempos seguen cambiando. Se o asunto é facer un festival á medida dos grupos, insurxente, emerxente, agromante e con certa capacidade para volver ás raíces, outra das grandes míticas da música pop, o Rock en Costa cumpre con todos os requisitos para que se manteña leal ao espírito do que nunca debeu deixar de ser: un cartel ruidoso, bandas veteranas e voluntariosas, unha concesión sentimental ás despedidas e poucos formalismos. As etiquetas do rock son case tan cansas como a súa xenealoxía. En certo sentido é tan pornográfico buscarlle os antepasados a unha banda de rock e derivados como especular co período rosa de Picasso. No fondo, material para locutores de radio ou profesores universitarios. Dous días, dous escenarios, sete grupos e polo medio unha festa parroquial. Nesta paisaxe periférica de Compostela que nominalmente invita ás zonas verdes é onde actuarán hoxe The Lorchas, The Homens, D3Ö e Bang 74. Ou sexa no campo da festa do Castiñeiriño. O sábado, de volta á rúa Chaparra, outros tres grupos: Redullos, que anuncian o seu concerto despedida e seguramente estes cumpren e non como os Stones, Póllegros e un grupo de nome sonoro que foi apelido de moito comentario político: Los Iribarnes. Polo medio, mañá venres, ou descanso ou festa, a gusto de cada quen, que desta forma hai tempo para todo e tampouco hai necesidade de levar a tenda de campaña, pasar calor, buscar un sitio para ducharse e todas esas comodidades da vida moderna. Os que non vaian ao Castiñeiriño, por favor, que non veñan unha tarde asegurando con entusiasmo que baixaron de internet unha maqueta dun grupo das aforas de Blackburn, Lancashire, que son a repanocha. Que non, que underground haino en todo o mundo e non o inventou Lou Reed nin a indiferenza de Isabel II.


Comentar