La Voz de Galicia

Mercar con comodidade e confianza

Santiago

| MARTA REY BOQUETE |

LA OPINIÓN DEL EXPERTO

24 Jun 2006. Actualizado a las 07:00 h.

"A PRAZA é un espectáculo, ademais de poder facer a compra do mellor produto fresco da cidade, poderás gozar dun espectáculo sen ter que pagar entrada". Iso foi o que me dixeron hai cinco anos cando comecei a dirixir a cooperativa que un grupo de vendedores do noso mercado decidiron formar para tomar o rumbo das súas vidas comerciais e adaptar a Praza á realidade do noso tempo. Nun primeiro momento a frase pareceume estraña, pero hoxe cando saio da miña oficina no centro dese espectáculo e miro ao meu arredor, escoito o barullo da xente mercando, das paisanas; e ulo a fresco, a campo, rodeada de verzas, leitugas, flores; métome nas naves do peixe, pecho os ollos e sinto como o mar entra polo meu nariz, abro os ollos e podo ver exposicións de peixes de cores, peixes con vida que parece que saltan dende o mar. Xiro e abonda con achegarme ao murallón para estar en Herbón ou en Cambados.... A Praza é única, non só por esta vida que hai no seu interior, senón que esta vida discorre nun edificio emblemático, cunha estrutura que ás veces no é todo o cómoda que quixeramos para os nosos clientes pero que vale a pena visitar unha e outra vez, por iso somos o segundo lugar máis visitado da cidade. Pero os comerciantes da Praza nas súas ansias de mimar o seu cliente querían moito máis, por iso a cooperativa traballou arreo para acadar o que é agora. E vós preguntarédesme que é agora que non era antes, teño as miñas dúbidas acerca de se debería contárvolo ou deixarvos co verme da curiosidade para que se alguén aínda non nos coñece veña visitarnos. Imos ser xenerosos, como o é sempre a Praza e vouvos contar un pouquiño máis. Ti, -voute tutear, por que a Praza é confianza e familiaridade-, cando vés facer a compra poderás ver como dende hai cinco anos a cooperativa foi reconvertendo negocios obsoletos en negocios necesarios no mercado e no seu contorno, intentando acadar unha maior oferta para darvos comodidade á hora de facela compra: temos arranxo de calzado, copia de chaves, tendas de agasallos, xoierías, tenda ecolóxica; ademais de peixerías, carnicerías, froiterías, chacinerías e florerías, onde ti podes adaptar a túa mesa á túa economía sen ter quen andar de supermercado en supermercado. Podería seguir contando cousas pero non me dan máis espazo, así que quedan pendentes. Despídome de vós pero non sen antes convidarvos a que nos visitedes para gozar comprando na Praza. Permitídeme un último pensamento: é certo que se fixeron moitas cousas pero aínda queda moito por facer, coa axuda de todos, incluídas as institucións públicas, por iso temos moitas esperanzas no Proxecto de Remodelación da Praza de Abastos e en que se aumente a zona ORA de aparcamento nas inmediacións da Praza, porque non chega con ser o mellor vendedor de fresco da cidade, tes que conseguir que a xente se sinta como na súa casa mercando con comodidade e con confianza.


Comentar