Unha constitución federal
Santiago
06 Dec 2007. Actualizado a las 02:00 h.
Pasou o cine e chegou o teatro. Os espectadores atentos dirán que imos ao revés da secuencia histórica. ¿Pero quen sabe como acaba a historia?
Unha das historias dos escenarios en Santiago é a Ultranoite. Nesta fin de semana, abrigada entre tantos festivos resacosos, está agachada unha ultranoite de constitución federal, democrática e necesariamente longa.
Non sei se tan longa e tan palabrista para que alguén real pida a outro alguén que cale, pero seguro que non fará falta un referendo para ver se o humor propio de Cabo San Lourenzo segue no seu sitio.
Na outra punta o teatro desta ponte civil está Closer. Belén Rueda pasou de presentadora a actriz como un caso único porque en Madrid as cousas adoitaban ir ao revés: primeiro eras actriz e logo xa se vería se presentabas. Esta montaxe é a secuela dunha película e cando o teatro se pon así sempre queda a impresión de que o importante é a taquilla. Un mal exemplo porque en Galicia estabamos buscando un lugar natural para o teatro no mercado.
A terceira cita na lista da longa fin de semana é Berrobambán e aquí caixa de caudais só hai a xusta. Unha historia de Paula Carballeira para que os nenos entendan que o medo tamén existe pero que non é necesariamente malo. Personaxes de conto e conto de personaxes para os rapaces de volta da ponte e con ganas de recuperar o tempo perdido en tantas horas de coche camiño de Portugal.