Rufus Wainwright en Santiago
Santiago
Domingo 1 | Auditorio de Galicia | 21.00 | 20 euros
29 May 2008. Actualizado a las 18:28 h.
Xa pensamos que o tempo dos intérpretes pasara. Despois dos sesenta, de maio do sesenta e oito e a cama para o sesenta e nove, os públicos valoraron moito máis aos cantantes que facían as súas propias cancións aínda que non fosen perfectos como músicos ou vocalistas, véxase o discutido caso de Bob Dylan. Aínda hoxe a xente acepta de mellor gana as versións directas dos seus autores porque, seica, supoñen un extra de orixinalidade.
A cultura norteamericana é máis permisiva cos performers porque para iso teñen a Sinatra, Tony Benett ou a tradición jazzística na que ser autor ten menos relevancia. Hai máis exemplos, pero algúns deles non paga a pena mencionalos e estragar a teoría.
Rufus Wainwright foi facéndose sitio na música internacional facendo versións de orixes dispersas, desde The Beatles a Leonard Cohen e repasando músicas tan heterodoxas como a Judy Garland. Quizais desta inclinación veña a participación deste cantante en numerosos proxectos cinematográficos, desde o discreto pero apañado (no musical) I am Sam ata o coñecidísimo Shrek.
A Wainwright todo o mundo lle apón a facilidade con que se deixou influír pola música clásica e a formación musical de toda a súa familia, incluída a media irmán, e as mesturas que saen de todo isto.
A música do cantante e compositor entra de cheo na corrente principal da música pop de intención culta e madura, con moitos arranxos, moi melódica. No medio dun arco no que tamén poderían entrar Elvis Costello e a súa deriva ou Tom Waits e as súas repeticións. Habería máis xente, pero para que estragar a teoría agora.
Rufus Wainwright está a medio camiño de moitas cosas, xusto nese espazo no que a música popular serve tanto para os espectáculos de masas como para o espazos íntimos. A súa forma de traballar ten tendencia a incorporar sonoridades máis ben serias, que lle presten corpo a melodías que, por utilizar unha nomenclatura propia das radiofórmulas, son sensibles. Pero tamén podería entenderse a súa carreira como un home de espectáculo e o mesmo pode estar en Benicàssim que en Sundance. Son as vantaxes das actitudes multimedias.
Os intérpretes sempre volven e acaban por dicir o seu e meterse nese espazo multitarefa onde, sobre todo, manda un certo sentido da elegancia que en algún momento pode ser pedante. É esa música que non descompón o ambiente formal das salas de espera dos odontólogos nin as ceas con xente de garabata. Pero tampouco era iso.