«O monolingüismo é unha doenza que se pode curar»
Santiago
Presentou na USC un método para o ensino simultáneo de varios idiomas e que «axuda a prestixiar o galego»
22 Apr 2010. Actualizado a las 02:00 h.
Fala dez idiomas e ideou un método para axudar a que outras persoas se defendan en varias linguas. Partiu da facilidade de pasar do francés para o español, o portugués, o catalán e as restantes linguas románicas, e niso consiste EuroCom, publicado no ano 2000. No 2007 emerxeu EuroGer, orientado para o inglés, alemán e as restantes linguas xermánicas; e neste ano prevé acrecentar EuroSlav, para as linguas eslavas.
-¿Como foi a idea desta metodoloxía?
-Partiu dunha experiencia a inicios dos anos 80, de colaboración co profesor Horst G. Klein. Foi para demostrar a estudantes alemáns como eles, sabendo francés, que era a lingua románica que estudaban, podían coñecer con facilidade outras da mesma familia lingüística. O método está feito para cada familia de linguas, e hai posibilidade de pasar dunha familia a outra, o que se favorece por exemplo por ser o inglés lexicalmente unha lingua medio románica e medio xermánica. O noso método non é exclusivo, é inclusivo.
-¿Que receptividade tivo o método nestes anos?
-A mellor resposta foi no ámbito das linguas románicas. En todos os casos o método facilita a comprensión dunha nova lingua que en principio a xente pensa que non coñece. Ese é o lado alegre e positivo do método EuroCom: a xente non sabía que podía ler varias linguas que non tiña aprendido e ve que si pode descifrar novas linguas sen esforzo.
-¿Onde se utiliza máis para aprender linguas?
-En universidades. Fixemos varios experimentos nas escolas e o meu soño é que toda a xuventude europea faga nun certo momento da súa educación escolar unha experiencia EuroCom para ver como as linguas dos veciños están á súa disposición. Iso é unha educación europea, plurilingüe, que prepara a xente nova contra a xenofobia e favorece a solidariedade con outras linguas e culturas, e así a convivencia pacífica, respectuosa, cos outros pobos europeos. É, pois, unha técnica para atinxir o plurilingüismo, e tamén unha educación para a convivencia democrática.
-¿Como resultou esta experiencia na USC?
-Óptima, pola afluencia de público, polo interese dos colegas da Universidade e tamén polo dos medios de comunicación. Iso demostra que comprenderon o sentido do EuroCom, que tamén axuda a prestixiar linguas como a galega e deixar claro que dominar o galego é unha vantaxe lingüística e unha competencia adicional positiva. Ser plurilingüe é un avance para a evolución persoal e para o funcionamento do cerebelo humano, que funciona mellor cantas máis linguas se saben. O monolingüismo é unha doenza que se pode curar.
-¿Será necesario o inglés, alén da lingua propia?
-O plurilingüismo é un avance que comeza despois de coñecer o inglés, hai que saber máis; e cada cultura pode e debe manter a súa propia lingua. Non se debe facer do inglés un matalinguas, se non unha competencia adicional e positiva.