La Voz de Galicia

Lois Pereiro na memoria

Santiago

m. beceiro santiago / la voz

Actos reivindicativos, un concerto e unha mobilizacion lembran ao poeta

17 May 2011. Actualizado a las 06:00 h.

Con actos moi variados Compostela e a súa comarca renderán hoxe un sentido homenaxe á figura de Lois Pereiro, o poeta monfortino a quen este ano está dedicado o Día das Letras Galegas ficando así na memoria.

Algunhas entidades, como Novacaixagalicia, unirán esta celebración coa do Día Internacional dos Museos, que terá lugar mañá, para organizar unha visita guiada aos museos da súa colección de arte, situados nos seus centros sociais. No de Compostela a proposta preséntase baixo o título Lois Pereiro e a década dos 80, e ten como obxectivo profundando na obra do poeta galego, relacionándoa co panorama artístico da súa época. A visita guiada comezará ás 12.00 e 19.00 horas, cunha presentación do poeta e continuará cunha visión global do traballo dos artistas galegos da década dos 80 e posteriores.

O Consello da Cultura Galega, pola súa banda, programou o Concerto das Letras Galegas, que ofrecerá a Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, ás 20.00 horas, na igrexa de San Domingos de Bonaval. O concerto unirá música e palabra nas partituras de destacados compositores sobre textos de figuras sobranceiras da literatura galega.

Coincidindo co Día das Letras, un total de dezaseis organizacións convocan tamén, ás 11.30 horas, diante do monumento a Ricardo Carvalho Calero, un acto conmemorativo de homenaxe no centenario do nacemento do profesor, investigador e poeta galego Ernesto Guerra da Cal (1911-1994).

Na Librería Couceiro as actividades comezarán ás 13.00 horas, coa presentación do libro Pacto de cabaleiros, de Raúl Veiga (Editorial Biblos). Ás 17.00 horas, Editorial Barbantesa presentará Collage, de Esther F. Carrodeguas. O colectivo Letras en Obras presentará o seu proxecto ás 18.00 horas, e a continuación, ás 20.00 horas, terá lugar o xogo concurso Canto sabes de literatura. Os actos concluirán ás 20.00 horas coa presentación de O negro leite da aurora, de Editorial Toxosoutos.

Non faltarán mobilizacións nesta xornada como a que terá lugar, ás 11.30 horas, na Porta Faxeira, convocada pola Plataforma Cidadá Queremos Galego «contra os ataques á nosa lingua». No auditorio da Casa da Cultura de Milladoiro, ás 18.00 horas, terá lugar un acto literario-musical e se fará entrega de diversos premios literarios. Tamén en Melide, ás 20.30 horas, comezará un recital de música e literatura no auditorio da Casa da Cultura, que reabre súas portas pechadas desde 2003.


Comentar