«O trasvase de votos do PSOE foi polos deméritos do seu voceiro»
Santiago
Noriega pídelle á Xunta que asuma as promesas que lle fixo ao PP
28 May 2011. Actualizado a las 06:00 h.
Martiño Noriega, rexedor en funcións de Teo e alcalde con maioría absoluta, disfruta duns días de descanso coa tranquilidade que calquera decisión que tome vaina ter que pactar coa almofada e co BNG. E tendo en conta a tensión política coa que encarou o mandato que agora remata, a cousa non é baladí.
-Seis concelleiros hai catro anos, e agora nove coa que está caendo para a esquerda. ¿Como valora os resultados en Teo?
-O resultado demostra que a xente deu un voto de confianza para continuar cun traballo serio e realista, sen vender ningunha moto e antepoñendo os intereses xerais. Que haxa un retorno de apoios nun contexto de crise económica e de crecemento do PP, e por riba que o BNG teña maioría absoluta non pode máis que xerar satisfacción. Tamén é unha responsabilidade na medida que intentaremos non defraudar.
-Houbo un trasvase de votos do PSOE ao BNG. ¿Tanto influíu a actitude dos socialistas?
-Ese trasvase de votos vai máis alá dunhas cuestións xerais que no Concello de Teo agraváronse polos deméritos e a crispación do anterior voceiro.
-¿Como valora a dimisión de Jano Leis despois de que o PSOE quedase só cun concelleiro?
-Coherente na medida na que a cidadanía lle retirou os apoios, polo que quedou sen argumentos. Aínda así, o futuro de Teo pasa por unha recuperación do partido socialista. E o feito de que se abra outra etapa é positivo. Nós estaremos coas portas abertas para dialogar e para normalizar unhas relacións que foron moi difíciles de manter.
-Despois da resaca da vitoria e dos parabéns de moitos, ¿cales van a ser as prioridades do seu goberno para o municipio?
-Temos que desenvolver o modelo de xestión do polígono da Ramallosa para fixar empresas locais e dinamizar o tecido económico do concello xerando postos de traballo e hai que rematar coa licitación da piscina cuberta. Outra das cousas pendentes é afondar nos principios da democracia participativa. É necesario manter un contacto directo coas parroquias e o tecido sociocultural para pulsar a opinión da xente e priorizar políticas
-¿E a primeira decisión como alcalde?
-Unha vez que a corporación estea constituída, a primeira tramitación vai ser reiterar a solicitude de xuntanza co presidente da Xunta para afrontar unha cuestión fundamental: a situación da planta potabilizadora, que está infradimensionada para os habitantes de Teo e que nos está a dar moitos problemas no verán con cortes no subministro e no inverno con problemas puntuais de turbidez, o que pode desencadear outro problema de salubridade pública. O proxecto está redactado e cremos que a Xunta teno que impulsar dunha vez por todas.
-¿E vai ir con Manuel Guerra a petar na porta, como o popular dixo que había que facer e que vostede non o facía?
-(Risas) Creo que a suma de forzas sempre é positiva, pero mais alá das persoas que poidan ir ou non, e que peten na porta, entendo que os compromisos adquiridos na campaña electoral deberanse manter agora e no futuro, independentemente de quen teña gañado as eleccións.
Martiño Noriega sánchez Alcalde de Teo