La Voz de Galicia

Juan Farias, para todas as idades

Santiago

> Juan José Lage revistaplatero@hotmail.com

O autor de «Algúns nenos, tres cans e máis cousas» faleceu o pasado mes de xuño

26 Oct 2011. Actualizado a las 14:47 h.

O pasado 11 de xuño faleceu o autor Juan Farias Díaz-Noriega, nacido en Serantes (Ferrol, A Coruña), o 31 de marzo de 1935. Autor dos títulos máis interesantes no panorama da literatura infantil e xuvenil española, foi premio nacional en 1980 por Algúns nenos, tres cans e máis cousas e premio Iberoamericano no 2005, ademais de finalista do Premio Nadal en 1965 polos Buscadores de auga.

A súa obra (escribiu para todas as idades) ten unhas características moi recoñecibles. Defínese porque os seus temas están moi próximos ao popular, ás aventuras propias da vida cotiá, «historias que ocorren nun mundo habitado por xente común», case sempre protagonistas anónimos, coa presenza constante do amor -«querer, amar, é o meu conto preferido»- e do mar e impregnadas do ambiente rural da súa Galicia natal e dunha atmosfera melancólica.

O seu estilo é conciso, natural, poético e irónico ao tempo, sen deterse en detalles narrativos, sempre en procura do esencial. Estamos seguros de que o seu xeito de contar non deixará indiferente a ningún tipo de lector, independentemente da súa idade.


Comentar