Paula Sande: «A sociedade pode aproveitar moito mellor o talento das persoas maiores»
Santiago

A xerente de Ategal explica que con Senior Lab buscan innovar e adaptar produtos e servizos para as idades avanzadas
14 Feb 2018. Actualizado a las 12:50 h.
A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal) pretende lanzar en 2018, no 40 aniversario da súa fundación, Ategal Senior Lab, un laboratorio para mellorar o envellecemento. Esta entidade naceu en Santiago en 1978 como Aulas da Terceira Idade. En catro décadas conseguiu ter implantación noutras oito cidades e vilas do país e chegar a decenas de miles de persoas coas súas actividades: «o envellecemento da poboación en Galicia, e en Europa en xeral, é un reto, e tamén abre oportunidades para innovar e desenvolver novos servizos e produtos, que axuden a que as persoas de idades máis avanzadas gañen calidade de vida. Porque no mercado hai roupa, alimentos, solucións tecnolóxicas e outras posibilidades, que se orientan para as persoas maiores e que, na maior parte das veces, se deseñaron á marxe dos seus intereses. En moitas ocasións, con adaptacións simples, mesmo con inventos caseiros, non complicados nin caros, é posible previr a dependencia e promover a autonomía desas persoas», afirma Paula Sande, xerente de Ategal.
«Partimos de que sociedade pode aproveitar moito mellor o talento das persoas maiores. E falamos por experiencia. Porque nestas catro décadas, persoas que participaron na nosa oferta de actividades probaron diferentes produtos e servizos, para verificar se eran apropiados para o colectivo de maiores», acrecenta.
Entre eses produtos e servizos están os resultados de diversas iniciativas que prosperaron desde o ano 2013, grazas a proxectos do Ano Europeo de Envellecemento Activo que se conmemorou daquela, como dispositivos de teleasistencia, adaptacións da administración electrónica, solicitudes por Internet para ir a balnearios, entre outras.
Paula insiste en que «Ategal Senior Lab favorece a todas as partes. Ás propias persoas maiores, para resolver necesidades que se lles presentan coa idade, como a adaptación do lar como consecuencia dun problema de saúde, ou outras que podan ter. Para as empresas que traballan nese ámbito, pois o apoio dunha entidade como a nosa, que é de confianza para o colectivo de maiores, pode facilitar que participen en actividades que poden necesitar mesmo un consentimento informado, e responder así ás esixencias para chegar ao mercado con garantías. E a toda a sociedade, que pode aproveitar mellor ese talento senior e a experiencia das persoas maiores».
O Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (Ceapat), do Imserso, é en parte un modelo para Ategal: «Aínda que o noso obxectivo non son exclusivamente as persoas con discapacidade ou con problemas de saúde, tamén pensamos en persoas maiores válidas e autónomas. Pensamos en ofrecer algunha recompensa pola súa implicación nas tarefas e probas en que participen; por exemplo facilidades de acceso a produtos e servizos do seu interese, sexan os que contribuíron a promover ou outros, que poderían estar vinculados a unha central de compras en réxime de cooperativa», explica.
Ategal Senior Lab pretende ser un novo avance na traxectoria desta entidade «para fomentar a autonomía das persoas maiores e para contribuír a afrontar os retos dunha sociedade que envellece, de maneira que o faga con maior benestar», indica Paula. O obxectivo «é sempre dar vida activa e de calidade aos anos, non só anos á vida. Vemos interese nas institucións, entidades e empresas ás que lles presentamos este proxecto, a máis recente, nos últimos días, a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría», manifesta Paula Sande.
Paula Sande. É xerente da Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal).
Ategal Senior Lab. Pretende ser un «laboratorio de innovación» para dar solucións a desafíos na vellez e favorecer o envellecemento activo e participativo.