Juan Blanco Valdés: «Case non imaxino a alguén lendo unha novela no monitor dun ordenador»
Santiago
O director do Servizo de Publicacións da USC vén de recoller o Premio Nacional de Edición Universitaria por «Na procura da noite», un libro só en formato dixital
24 Nov 2019. Actualizado a las 05:00 h.
Cando xurdiu o proxecto Na procura da noite, ía ser unha tradución do libro de Anton Jankovy In search of night engadindo colaboracións dun grupo de profesionais da fotografía de Galicia. Porén, cando viron que tiñan preto dun cento de fotografías espectaculares do ceo nocturno galego o proxecto adquiriu un ADN netamente galego. Juan Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións da USC, recolleu a semana pasada o Premio Nacional de Edición Universitaria por este libro.
-Este é un libro sobre contaminación luminosa.
-O proxecto chegou de man dos profesores Jorge Mira e Salva Bará, da Facultade de Física, moi comprometidos co tema, especialmente Salva Bará, a quen lle publicamos no 2015 E fíxose a luz, sobre a contaminación luminosa, que é un xeito de contaminación menos agresivo, pero que está invalidando algo moi fermoso, que é a arte de mirar. Xa non sabemos mirar, e realmente eu creo, como din na introdución ao libro dixital os nosos Salva e Jorge, que a contemplación do universo nunha noite despexada e dende un lugar elevado é un dos espectáculos máis abraiantes aos que un ser humano pode acceder.
-Esta é unha edición dixital nativa. É o novo modelo? Ou aínda estamos nunha transición?
-Pois a resposta é si [ri].
-Si a todo.
-[Ri]. É un momento de combinación, un momento de transición, no que levamos xa embarcados bastantes anos, e que cambia en función dos foros nos que participes, e tamén dos matices. Depende un pouco da sensibilidade de cadaquén. En termos globais, e referíndome ao barómetros de lectura do ministerio do 2018, a lectura dixital en España sitúase arredor do 23 %. É dicir, estamos moi lonxe daquelas profecías que moitos gurús da tecnoloxía dixital facían.
-Da morte do papel.
-E non hai máis que dar unha volta polas feiras do libro de Frankfurt ou de Madrid para ver que a vitalidade do papel é absolutamente asombrosa, o que non quere dicir que a lectura dixital non estea aí e que lle haxa que dar resposta. E temos un dobre reto, porque hai que engadir o acceso aberto, ao que está firmemente comprometida a universidade europea a través de directrices da UE que son xa de obrigado cumprimento. O que pasa é que de novo o acceso aberto deseña un escenario cheo de matices, de limitacións e de dúbidas e de incertezas. Creo que as incertezas que tiñamos hai dez anos aínda as temos [ri].
-No fondo o debate é o mesmo.
-Con evolución, loxicamente, pero segue sendo o mesmo. O número de lectores en libro electrónico contraeuse sensiblemente. Este é un dispositivo eu diría que fracasado. A xente le sobre os monitores dos ordenadores, nas tabletas e incluso nos móbiles, pero é unha lectura moi concreta, moi específica: un artigo, unha normativa.... Case non imaxino a alguén lendo unha novela no monitor dun ordenador. Nin sequera nunha tableta, porque é unha fonte de luz, é moi molesta. Eu ao mellor como editor e como lector impenitente teño unha idea excesivamente romántica da lectura. Para min é abismarte no texto, esquecerte.
-Que non salten avisos.
-Ti abismábaste nun texto corrido e que non ofrecía nada máis que o poder da imaxinación. Que acontece? Que a capacidade de imaxinación está absolutamente capturada, subvertida, a cacharros que non fan precisa esa imaxinación. Volvendo ao punto inicial, temos que estar na edición dixital. Se editas o Leviatán de Thomas Hobbes ou Breve historia do tempo en galego non o fas para que sexa un éxito de vendas, senón para que perdure. E a edición dixital é un formato co que te esqueces das tiraxes.
-Entón o dixital é «fastreading» e o papel é colección?
-Exactamente. Precisas unha normativa. É unha marabilla escribilo en Google e telo aos tres segundos. O outro día este teórico arxentino dicía que «el libro nació perfecto». E ten toda a razón. Calquera libro publicado hoxe é virtualmente idéntico á Biblia de Gutenberg. Naceu perfecto, non hai que lle cambiar nada. Para que vai evolucionar? A fin de contas un ebook é algo no que podes meter 700 libros. Case non les 700 libros na vida.
«Un gran pacto pola universidade entre as forzas vivas da cidade non estaría mal»
A contaminación luminosa é, por certo, un problema que tamén se está a debater na USC.
-Que as cidades están hiperiluminadas e que os seres humanos do século XXI estamos afeitos a un mundo hiperiluminado está absolutamente claro. Outra cousa é o xeito de regular a iluminación en espazos nos que hai que preservar outros valores. Entendo que na Gran Vía ou na Quinta Avenida hai que poñer luz, pero por exemplo na Bretaña a iluminación era moi escasa, precisamente para dar esa sensación de medievaliedade, que é algo que penso que se está facendo bastante ben no casco antigo da cidade.
-Falando do campus, semella que agora tamén se vai humanizar.
-Non quixera facer sangue sobre este asunto, eu falo estritamente como universitario e como compostelán de adopción, pero isto xa non é unha necesidade, é un clamor social. Santiago é coñecida por tres cousas: o Camiño, a Catedral e o seu pórtico e a Universidade, e creo que un gran pacto pola universidade entre as forzas vivas da cidade sería algo moi positivo. Agora, en vésperas dun Xacobeo, creo que a impresión que pode causar o Campus Vida no seu estado actual para moitos visitantes poder ser un pouco decepcionante.
-E un gran pacto polo libro, pola cultura?
-Santiago sempre foi unha cidade moi potente no mundo do libro, hai editoriais de grande prestixio, proxección e innovación. Creo que non tanto na cidade, senón a un nivel maior, talvez autonómico ou estatal, podería haber unha maior tutela pública pola lectura ou maior complicidade en campañas de lectura, de abaratamento de libros... Non estaría mal. Cando hai crise, quen leva o primeiro zasca?
-A cultura.
-A cultura.