La Voz de Galicia

Amador R. Troncoso

Santiago

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

25 Oct 2020. Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro día de agosto sorprendíanos co deceso de Amador Rodríguez Troncoso (A Cañiza, 1922-Negreira, 2020), no seu exitus desta vida. ¡Que 98 anos tan plenos! Marchou silandeiro.

 

Xa só pola edición en 2015 do libro «O Servizo de Extensión Agraria en Galicia», 1956-2002 gañou unha leira vizosa na Historia do medio rural galego do século XX. Nese campo florido inzarían amais colmeas con mel do país, flores, cogomelos, hortas... e pacería vacún de carne e leite. Amador foi protagonista, gabeou en todo isto e nos eidos do renacido Seminario de Estudos Galegos. Vinculado amais a Maximino Viaño, Xesús García Calvo e á Cooperativa Feiraco -que tamén estudou e apoiou con tesón-, preto do agrarismo e galeguismo de Avelino Pousa... Por certo: as colleitas vitais del e de Lucho do Peto pararon coa mesma idade no mes do estío, murchando nas beiras centenarias. Que frutuosas inzaron as miñas conversas con estes homes.

Cando finou Amador -noutrora compañeiro docente na EUTS e na Fundación Castelao-, gustoume ver nos medios os regos coas sementeiras de letras do seu fillo Jesús Manuel, do afillado Xurxo Mariño -recoñecido científico-, da súa neta Ainhoa, de Mariano Pérez (obituario «O fillo do coroceiro de Guntín»)...

Xaneiro, 2020. Antes do andazo toleirón, cadramos próximos nun xantar barcalés o Amador, Antonio Oca, Antonio Campos e outros funcionarios xubilados de Extensión Agraria. O agro galego tenlle que agradecer a moitos deles o seu progreso das últimas décadas. A pesar da súa ilusión e afouteza, estes técnicos sénior amósanse hoxe preocupados co porvir do medio rural, polos sinais de ser un pasado sen reposto e cuns facareños gromos positivos.

Recibiu Amador homenaxes na comarca. Lembramos as dun amplo grupo de amizades (Negreira, xuño de 2015) e da Cultural Afonso Eanes (Broño, novembro de 2016). Viviu outras máis no ámbito galego e distincións que felizmente sentiu enxertadas no seu currículo. É merecente de tributos póstumos, polas súas achegas tan variadas, acios de tanta entrega. Inda non hai moito buscaba nos arquivos, gravaba testemuños e plantaba publicacións con datos do ilustrado Catastro de Ensenada (1750) na nosa contorna.

E non deben esquecerse o seu labor na comisión parroquial negreiresa ou nos terreos da política galeguista. Mantiña diversas vocacións e viveiros o Amador, cunha cerna agraria e un tronco rexo que xa levaba no seu apelido.

«Sit tibi terra levis», prezado Amador. ¡Saúde e Terra!


Comentar