Rosalía María Amado, unha xalleira apaixonada pola vida, o traballo e a liberdade
Santiago
Natural de Busto, Santa Comba, faleceu con 83 anos. Así a lembra o seu fillo José Manuel Landeira
16 Dec 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Porque nos deixou con 83 anos despois da súa enfermidade. Xa non compartimos o vivir de cada día con Rosalía María Amado Amado, unha máis entre as moitas mulleres de biografía anónima apaixonadas pola vida, o traballo e a liberdade: das que imprimen pequenos feitos solidarios nas tarefas e rutinas de cotío. Maruxa, ou Maruja entre as súas veciñas da infancia, é Rosalía. Recibiu a homenaxe final no cemiterio de Santa Sabiña, o pasado 22 de novembro. Dalgún xeito, aínda permanece.
Naceu en Busto, Santa Comba, o 18 de marzo de 1938. Foi á escola dunha mestra de Guldrís para estudar os primeiros ensinos nun contexto de actividade agraria e gandeira e proletarización da comarca do Xallas ao abrigo das minas de wolfram de Varilongo, que foron importantes entre a Galicia mineira da posguerra. Como tantas outras mulleres do entorno, na parcela do humano, tamén aprendeu e nos amosou as costuras da emigración. Foi indo para Madrid. Retornou da cidade matritense, onde colaborou no establecemento familiar de peixe, para cociña de mercado, e tamén foi cociñeira coas monxas, con 56 anos. Volveu aos traballos coas leiras en contacto co sector e coas Unións Agrarias de Santa Comba. Logo do falecemento do seu home Manuel, Rosalía residiu finalmente en Santiago, onde se adaptou ben ás costumes dos composteláns e fixo amizades.
José Manuel Landeira Amado. Fillo de Rosalía.