Teatro a golpe de rock dos anos 70 no Teatro Principal de Santiago
Santiago

Ibuprofeno Teatro representa hoxe e mañá «Smoke on the water»
17 Feb 2022. Actualizado a las 04:55 h.
Hoxe e mañá • Teatro Principal • 12 euros • Ritchie e Janis, unha parella en crise permanente nos 25 anos que levan casados. Viven nun piso no que teñen que coidar a nai de el, Amparo, e están a punto de ser desafiuzados. Ritchie ten unha tenda de discos de colección e é un apaixonado do rock dos anos 70, de bandas como Deep Purple, Led Zeppelin e Pink Floyd. Este é o punto de partida de «Smoke on the water», o recentemente estreado espectáculo da compañía Ibuprofeno Teatro, que hoxe e mañá se subirá ás táboas do Principal.
Trátase dunha traxicomedia sórdida na que a música en directo xoga un papel fundamental, con ese rock dos anos 70 como fío condutor. «Nunca fixera unha obra tan musical. De feito, algúns dinme que é un musical, pero eu creo que é teatro de texto con moitísima música. Haina en todas as escenas», afirma Santiago Cortegoso, autor do texto —co que gañou o premio Varela Buxán no ano 2013— e director da peza. De aí que o título, «Smoke on the water», sexa, precisamente, o dun tema de Deep Purple. A práctica totalidade do elenco artístico son tamén músicos e tocan o piano, a batería, a guitarra, o baixo.... Sobre as táboas para conformar esta particular banda de rock están Josito Porto, Belén Constenla, Adrián Rios e María Costas, que dan vida aos personaxes, ademais do músico Mon Orencio.
Santiago Cortegoso explica que a marxinalidade está moi presente neste espectáculo. «O que se intenta é darlle voz a eses seres que non aparecen porque non son heroes e non teñen éxito. Están a punto de ser desafiuzados, son expulsados do capitalismo. Pero todo isto está tratado con moito humor e intentamos que os personaxes inspiren tenrura», afirma o director da peza.