Felisa Segade, vocalista e pandeireteira: «A música tradicional non ten idade»
Santiago
A artista presenta este domingo no TradFest o seu disco co trío Tres Pesos, «De cando os animais cantaban»
29 Jul 2022. Actualizado a las 08:42 h.
Felisa Segade leva a música nas veas. Veciña do barrio de Casas Novas, exerceu como mestra de canto, baile e pandeireta durante toda a súa vida. No 1989 cofundou o grupo Leilía, pioneiro na reivindicación do papel das mulleres no folclore galego. Actualmente, Segade reparte o seu tempo entre Leilía e Tres Pesos, a banda coa que actuará este domingo no TradFest, o festival de música que mestura tradición e modernidade. O trío, que completan Pepe de Calo e Estevo Lamas, presentará o seu segundo disco, «De cando os animais cantaban».
—Cando se fundou Leilía había poucos grupos de música tradicional formados exclusivamente por mulleres. Foi vostede unha das precursoras?
—Si, creo que tivemos gran parte da culpa de que o panorama galego mudase. O que fixemos foi sacar das bandas tradicionais a voz e a pandeireta, e pasalas a un espazo con entidade propia. As mulleres colleron sitio no escenario, con grupos folk. Despois de Leilía eses grupos folk tamén empezaron a soar máis a galego. Ata ese momento as súas referencias eran máis Escocia ou Irlanda.
—Valórase máis a música tradicional dende entón ca anteriormente?
—Non sei se estamos máis valorados ou non, pero dende ese momento a música folk galega enriqueceuse moitísimo. Deixouse de mirar para fóra e comezouse a mirar para o noso. É normal que agora mesmo estea mellor considerada, fomos medrando. O bo da música tradicional é que non ten idade para escoitala, e iso quere dicir que é cultural, que é nosa.
—E as novas xeracións están cada vez máis interesadas nela. Pode ter algo que ver con que se mesturen ritmos clásicos con outros máis contemporáneos, como fai con Tres Pesos?
—Xa hai tampo que a xente busca facer mesturas, iso vai dentro do ADN de calquera músico. Cando escoitas algo que che gusta, que che di algo novo, intentas incluílo dentro do que ti fas, volvelo propio. A música está moi viva e cada vez hai máis xente interesada por nós. Incluso artistas de fóra que se namoran da nosa música e que queren facer cousas relacionadas cos nosos ritmos.
—Este domingo Tres Pesos actúa no TradFest, precisamente en compañía doutros artistas estranxeiros que traen música tradicional dos seus países. Que poderemos ver sobre o escenario?
—Nós presentaremos «De cando os animais cantaban». O título do disco vén da frase «de cando os animais falaban», que se utilizaba para aludir a algo moi antigo. Cambiamos a palabra «falar» por «cantar», facendo referencia a que a humanidade sempre cantou, en todas as ocasións posibles. Agora escóitase moita máis música, pero cántase menos. Con este traballo queremos reivindicar que a xente volva a reunirse e a cantar. Os temas seguen o esquema do resto da nosa traxectoria. Somos un grupo de música tradicional, pero moi variada. Está feito ao noso gusto, pero sempre baseado en tons e melodías que recollemos, transformados ao noso xeito.
—Tres Pesos autodefínese «tres caras da mesma moeda».
—Nós cando falamos desas tres caras referímonos á bagaxe musical de cada un. Cadaquén aporta algo distinto e ten os seus traballos fóra do mundo tradicional.
O concerto de Tres Pesos, no marco do TradFest, celebrarase a partir das 13.30 horas no parque de Bonaval. O certame está organizado por La Voz de Galicia e o Concello de Santiago, co patrocinio da Xunta e o Xacobeo 21-22 e a colaboración da empresa Espina & Delfín, con produción a cargo de Nordesía e aCentral Folque.