Preto de 20 bolseiros especialízanse no ámbito dos arquivos, bibliotecas e museos
Santiago
A convocatoria da Xunta busca reforzar a profesionalización no eido cultural
31 Aug 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Reforzar a profesionalización e a especialización no ámbito cultural, así como mellorar a empregabilidade das persoas beneficiarias. Ese é o obxectivo das bolsas convocadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para formarse no eido dos arquivos, bibliotecas e museos. Das 73 persoas seleccionadas este ano, dezanove están realizando a súa formación en distintos centros de Santiago: once en bibliotecas (catro na Ánxel Casal e sete na Biblioteca de Galicia), seis en museos (dúas no das Peregrinacións, outras dúas no da Catedral e outras tantas no Centro Galego de Arte Contemporánea), e dúas en arquivos (unha no de Galicia e outra no Histórico Universitario), segundo os datos da Xunta. En total, o goberno autonómico destina a todas as convocatorias 689.600 euros.
As bolsas teñen unha duración de seis meses, con posibilidade de prórroga por outros seis. No eido dos arquivos, realizan actividades de formación relacionados cos procesos técnicos e os seus fondos documentais. A Xunta incrementou este ano un 6 % o orzamento ata acadar os 114.000 euros para a contratación de vinte persoas en Galicia.
Pola súa banda, en Santiago están destinados once dos 33 seleccionados das bolsas en bibliotecas, que teñen un orzamento de 461.600 euros. Neste caso, a formación céntrase no uso e tratamento dos fondos bibliográficos e a atención aos usuarios, entre outros labores. Por último, no tocante aos museos, das 20 prazas convocadas, seis están en Santiago. Nesta ocasión, segundo destacan da Xunta, duplicouse a oferta e o orzamento, chegando aos 114.000 euros. Entre as actividades formativas inclúense prácticas de rexistro e inventario.
Arquivo histórico universitario
«Valoro participar en todo o proceso do arquivo»
Nos dous meses que leva no Arquivo Histórico Universitario, Eva Morandeira revisou expedientes da USC, identificou unha doazón e agora está con documentación de persoal do Concello anterior ao ano 50, sempre acompañada por persoal do centro. «Valoro esa variedade do fondo, que ves un pouco de todo, tanto histórico como administrativo. Tamén valoro moito poder participar en todo o funcionamento do arquivo», afirma, xa que a previsión é pasar por todas as etapas documentais.
Eva Morandeira resalta a importancia dos arquivos e o traballo que se fai neles. «É a maneira de coñecer o pasado. Se non se recolle esa memoria, pérdese», di. Por exemplo, a revisión da documentación de persoal que afronta nestes momentos pode axudar a árbores xenealóxicas pero tamén a profundar en profesións agora inexistentes, como a dos serenos. Algunha anécdota? «Vese como algúns traballadores marchan para América ou gardas que quedan durmidos na Alameda», responde.
CGAC
«Ofrecéronnos incidir nos eidos que máis nos apetecera»
As expectativas coas que chegaban ao CGAC víronse superadas. Niso coinciden Lucía Picado e José Antonio Calvo á hora valorar este inicio da súa estancia tras ser beneficiarios de bolsas da Xunta no museo de arte contemporánea. Lucía estivo no departamento de actividades e está agora traballando no seguinte proxecto expositivo ademais de cunha base de dato das mostras na súa primeira década. Pola súa parte, José Antonio está integrado no departamento de publicacións. «Tivemos moita sorte. Nas entrevistas co director, Santiago Olmo, ofreceunos incidir nos eidos que máis nos interesaban. Eu xa traballara en museos e tiña experiencia en obradoiros e visitas guiadas, pero tiña lagoas noutros ámbitos. Entón, optei por deseño expositivo, colección, documentación..», resalta Lucía. Nese mesmo aspecto incide José Antonio, resaltando que o persoal do departamento de publicacións lle aporta moito. «Estoy aprendiendo muchísimo ya que quería tener la formación lo más profunda y transversal posible. [...] Quiero aprender lo máximo para abrirme al mercado laboral», afirma.
museo das peregrinacións
«Interesábame coñecer o funcionamento dun museo»
Asunción Marien González ten experiencia como restauradora traballando en obra de campo, como retablos, pinturas murais, en igrexas, en fachadas, pero decidiu participar na convocatoria da Xunta de Galicia para o Museo das Peregrinacións, que ademais está na cidade na que reside. «Parecíame interesante coñecer o funcionamento dun museo. O traballo ten outras características», asegura.
Empezou en xullo e ata o momento estivo axudando en tarefas de conservación preventiva, tanto nas pezas que se atopan na exposición do Museo das Peregrinacións en Praterías como aquelas que están en almacéns para que se atopen nunhas condición idóneas. Principalmente, centrouse en esculturas, pero resalta a variedade de fondos existentes. «Normalmente, cando dicimos un museo, pensamos en pintura, escultura e arqueoloxía, pero tamén hai moita variedade de obxectos e iso é moi interesante porque che permite achegarte ás problemáticas diferentes que teñen», afirma esta restauradora.
biblioteca de Galicia
«Noutras bibliotecas non tes a sorte de facer o tipo de traballo que desenvolves nesta»
María, Sara, Martín, Guillermo, Vicky e Esther comparten experiencia como bolseiros desde as últimas semanas na Biblioteca de Galicia. Por parellas, desempeñan diversas funcións e irán rotando ao longo da súa estadía: rexistro de exemplares, catalogación, hemeroteca, axudar coas exposicións, traballos de investigación, inclusión de contidos en Galiciana... O obxectivo que lles trasladaron, segundo apuntan, é que vexan todas as funcións que se desempeñan no centro. «Recibimos moita formación técnica. Ademais, noutras bibliotecas non tes a sorte do tipo de traballo que vas facer aquí», destaca Guillermo. Nese senso, Vicky indica que ademais van recibir a mesma formación que os traballadores que forman parte do cadro de persoal mentres estean coa bolsa. Outra das cuestións que inciden os bolseiros é na implicación dos traballadores. «Calquera problema, páranse contigo. Ademais, está a confianza que depositan en nós», resalta María.
Esther, pola súa banda, tamén subliña a oportunidade de estar na Biblioteca de Galicia en canto que é o lugar onde se marcan as pautas que despois se seguen no resto de centros. «É interesante saber o que fan», afirma. Ademais, destacan a vantaxe de levar á práctica os coñecementos teóricos. «A catalogación, por exemplo, cando aprendes a facelo é coa práctica», di Martín.
Todos resaltan que no labor que desenvolven sempre atopan cuestións destacadas. «Agora estamos traballando co fondo histórico da UPG e hai moitos temas interesantes e que están na actualidade», indica Sara.
Os bolseiros tamén reivindican. Piden que se oferten prazas neste eido, «porque traballo hai moito e non se convocan postos». Ademais, resaltan a importancia do traballo de bibliotecarios e arquiveiros á hora de preservar o patrimonio documental.