Unha exposición no Museo do Pobo percorre a vida de Delgado Gurriarán
Santiago
A mostra, con motivo do Día das Letras Galegas, poderá verse ata o día 30
16 Sep 2022. Actualizado a las 04:55 h.
A exposición «Bebedeira de ensoños», dedicada a Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas, recala no Museo do Pobo Galego ata o 30 de setembro. A mostra itinerante divídese en quince paneis explicativos que percorren a vida e a obra do autor valdeorrés. Un repaso para comprender quen foi e o que implica a figura de Delgado Gurriarán. A mostra compleméntase cunha selección de obxectos persoais do escritor, expostos en mesas-vitrina, como cartas con persoeiros do seu tempo como Otero Pedrayo e Castelao, borradores de poemas que logo remataron nos seus libros e publicacións orixinais coa finalidade de axudar a comprender mellor a figura e obra do autor homenaxeado.
A exposición, producida pola Xunta xunto á editorial Galaxia, foi inaugurada onte nun acto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o comisario e representante da familia do autor, Ricardo Gurriarán; o presidente da Real Academia, Víctor Freixanes; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo, Concha Losada; e o director de produción da Editorial Galaxia, Xesús Domínguez.