O relato xacobeo de Alfonso Sucasas emerxe de novo tras tres décadas
Santiago
O Museo das Peregrinacións amosa obras do pintor dos anos 92 e 93
09 Jan 2023. Actualizado a las 21:05 h.
Santiago peregrino, Sevillana en Compostela, Brigitte no Monte do Gozo, Adán e Eva... Son algunhas das obras que Alfonso Sucasas (Lalín, 1940-Vila de Cruces, 2012) pintou en 1992 e 1993 pousando a súa particular ollada no fenómeno xacobeo. Agora, tres décadas despois, o Museo das Peregrinacións e de Santiago reúne máis de medio cento de pezas desa serie do artista nunha mostra que poderá visitarse ata o 23 de abril. «A Sucasas interesoulle sempre o tema do Camiño e, nese sentido, foi un visionario», resalta a comisaria Pilar Corredoira lembrando que por aquel entón a dimensión do fenómeno xacobeo era moi diferente a actual.
Alfonso Sucasas, Camiño e mitoloxía está conformada por 18 óleos sobre lenzo de grandes dimensións, que están acompañados de debuxos e bosquexos. Trátase de pezas tanto propiedade da Xunta, que adquirira no ano 93, como de coleccións privadas. Aínda que parte delas conformaron xa unha mostra nese ano santo de hai tres décadas, está «é a primeira vez que se aborda todo o traballo de maneira compacta, coherente, explicando todo o proceso de traballo e o momento histórico no que as pinta», detalla a comisaria. Precisamente, o feito de contar cos bosquexos e os debuxos, acompañados nalgúns casos de anotacións, permiten ver o proceso creativo e aquilo que foi modificando ata a obra final.
A mostra coa que a Xunta pecha a programación do dobre ano santo no Museo das Peregrinacións está distribuída en dous andares e recibe ao visitante co tríptico de grandes dimensións de Adán e Eva. A comisaria destaca que nesta serie en torno ao fenómeno Xacobeo Sucasas «recupera os temas composteláns relixiosos e retoma desde a súa propia linguaxe outros asuntos da tradición católica que xa trataran outros artistas». Desde xeito, conviven obras como as de Santiago peregrino, San Miguel, San Xurxo e o Tríptico dos peixes —«era unha das preferidas do pintor», indica Corredoira— con Pecados capitais e outras vinculadas a momentos cotiás e máis lúdicos das xentes que peregrinan, como Brigitte no Monte do Gozo e Sevillana en Compostela. A exposición complétase cun audiovisual onde se recollen declaracións do pintor así como algunha peza de épocas anteriores onde o pintor xa amosaba o interese por estes temas xacobeos.
«Hai moi poucos artistas que trataran o Camiño do xeito que o fixo Sucasas. El é o único que o abordou desde unha linguaxe tan persoal, poñendo a disposición do tema todo o que é o seu vocabulario plástico, o seu estilo. O que viña facendo traspásao á historia do Camiño», explica Pilar Corredoira. Nese sentido, apunta que emprega a súa paleta habitual de cores, na que mandan ocres, verdosos e grises. Pero iso, deixa claro a comisaria, non significa que non haxa diferenzas co resto dos seus traballos. «Ten unhas características distintas. Nelas estalle dando unha transcendencia histórica. Nótase no xeito no que as aborda, seguramente son moito máis estáticas, cun afán de permanencia, que penso que conseguiu», manifesta a experta, que tamén resalta que nelas «aflora o sentimento místico e relixioso de Sucasas. Tiña unha enorme sensibilidade». Para a elaboración desta serie, o pintor lalinense traballou con libros e códices sobre a historia do Camiño. Ademais, Corredoira está convencida de que hai moitos máis cadros desa mesma época de Sucasas, pero na actualidade descoñécese onde se atopan. «Pintou moitísimo neses dous anos», afirma.
Esta exposición do Museo das Peregrinacións, segundo salientou na inauguración o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, permite ver a evolución dos principios, valores e motivos que representan o ano santo ao longo das últimas tres décadas, ademais de axudar a divulgar a «inigualable visión plástica sobre o Camiño dun dos artistas máis representativos do século XX».
Museo en Familia despídese por este ano con teatro e un obradoiro
A cuarta edición de Museo en Familia, a actividade coa que o Museo das Peregrinacións busca estreitar aínda máis os vínculos cos composteláns, pecha o ano con dúas novas actividades o vindeiro sábado. Trátase dun obradoiro baixo o título de «Camiñando pola lenda» para crianzas de entre tres e trece anos, que se celebrará de 11.30 a 13.00 horas; e unha representación teatral, Amigos, viaxes e lendas, a partir das 18.00 horas. É preciso anotarse no 881 867 401 ou en reservas.mdeperegrinacions@xunta.gal.
Por outra banda, ademais da mostra permanente e a de Sucasas, o Museo das Peregrinacións acolle ata o 29 de xaneiro no lucernario a mostra Camiñamos para parar, con obras de Rita Sabler e Miguelanxo Prado sobre o Camiño de Inverto. Está formada por debuxos, en formato postal, que realizaron o debuxante galego e a xornalista visual norteamericana.