O Auditorio de Galicia, en Santiago, será «un pequeno museo do Prestige» coa exposición «Sempre Máis»
Santiago
A mostra, que reúne máis de 150 pezas, inaugurarase o vindeiro martes e poderá visitarse ata o 21 de maio
23 Jan 2023. Actualizado a las 22:06 h.
Martes 24 • 20.00 horas • Auditorio de Galicia • Máis de 150 pezas converterán o Auditorio de Galicia desde este martes 24 ata o 21 de maio «nun pequeno museo do Prestige» coa exposición «Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galicia do Prestige». Así a definiu o seu comisario, Germán Labrador, apuntando que «boa parte das pezas deberían estar nas coleccións de arte contemporánea das institucións galegas porque son patrimonio».
A mostra, que foi producida polo Concello de Santiago a partir da iniciativa da asociación Unha Gran Burla Negra, amosará imaxes inéditas do afundimento do Prestige, apuntou o comisario. Entre as pezas tamén se inclúen pinturas, lonas, pancartas, cartaces, moita obra gráfica, obxectos intervidos, así como material documental, pezas de videoarte e música. Entre elas, atópanse obras de Juan Cabezas —que expuxo tamén creacións sobre o Prestige no Reina Sofía—, de Man de Camelle e música de Abe Rábade. O comisario explica que algunha das obras foron pezas efémeras empregadas a raíz do afundimento, pero decidiron refacelas.
A exposición está organizada en cinco eixos, que van desde unha análise da construción dunha conciencia ecolóxica a partir da memoria das loitas veciñais e ambientais dos anos 70 ata as distintas formas artísticas da protesta e a relación entre pacifismo e ecoloxismo. «O que propoñemos nesta mostra é un conxunto daquelas formas de protesta que naquel entón non foron percibidas como artísticas porque se deron por naturais», remarcou o comisario, que presentou a exposición acompañado pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio, Xaquín López. «Xerouse un patrimonio importantísimo para a historia da arte contemporánea que convén non esquecer», afirmou a concelleira. Xaquín López lembrou que o Auditorio estivo ligado desde o inicio ao movemento Nunca Máis, xa que o primeiro encontro se celebrou alí.