«21 días en galego», a aposta de Ames e a RAG para gañar falantes desde o ensino
Santiago
Tres mil escolares de infantil e primaria participan nun plan de inmersión lingüística que comeza coa firma dun contrato e que implica ás familias
02 Mar 2023. Actualizado a las 05:05 h.
A hipótese establecida polo psicólogo William James de que para incorporar un hábito á túa vida cómpre practicalo durante 21 días pode aplicarse a case todo, incluído ao uso dun idioma que coñeces, ben porque foi a túa lingua nai ou porque é o que escoitas no teu entorno. Aproveitar esta teoría para que o galego teña máis falantes é a filosofía que comparten o Concello de Ames e a Real Academia Galega (RAG) co proxecto Modo Galego, actívao, que implica a tres mil escolares de infantil e primaria dos centros públicos para falar e vivir en galego durante 21 días, unha idea que xa desenvolve, pero doutro xeito, a Secretaría Xeral de Normalización Lingüística.
A iniciativa é un paso máis na liña de colaboración entre o Concello e a RAG aproveitando que Ames é un municipio con moita poboación nova no que se aplica un modelo de educación que coida o uso do galego, maila que os datos do uso do idioma propio non son nada bos, xa que, como constatou o Mapa sociolingüístico de Ames elaborado no 2021 por ambas institucións, hai unha perda do 10 % de galegofalantes no ciclo de infantil. E non só iso, xa que na etapa secundaria só un 11% do alumnado é galegofalante, a mesma porcentaxe é bilingüe e o 77 % usan maioritariamente o castelán, sen que nisto inflúa se a súa familia usa o galego.
O programa comezou esta semana, e os resultados son moi satisfactorios. Por exemplo, no caso de Ventín, «fan serios esforzos por falar en galego e autocorrexirse», sinala Enrique Gil, responsable do servizo de Dinamización Lingüística deste centro. Noutros casos, como no colexio Agro do Muíño, falar galego nestes 21 días do programa de inmersión ten como premio algúns minutos máis de recreo. E cada participante debe cubrir a diario unha folla titulada: E hoxe, activaches o modo galego?
«É o momento de actuar e sumar forzas entre as diferentes administracións e institucións», afirma Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística de Ames. «É urxente poñer en marcha intervencións para reverter a situación», engade Pampín. A implicación do Concello nesta iniciativa é algo que destaca expresamente A RAG. «Cada vez está máis clara a importancia de traballar na proximidade, e as administracións locais teñen os instrumentos para facelo», sinala Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG.