María José Piñeira, vicedecana de Xeografía e Historia: «Santiago debe coidar ao estudante se aínda quere seguir sendo cidade universitaria»
Santiago
Piñeira pon o gran reto da zona vella en «non mudar nun parque temático para o turista»
24 Sep 2023. Actualizado a las 20:32 h.
A traxectoria de María José Piñeira Mantiñán (A Coruña, 1969) aproximouse dende sempre na súa carreira como investigadora ao análise territorial de contornas urbanas. Comezando pola súa tese de doutoramento, que se mergullaba na estrutura urbana da Coruña, para rematar no día de hoxe, cando ocupa o cargo de vicedecana da facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago (USC), onde tamén integra o grupo de investigación sobre o mesmo eido, centrándose en temas que van desde demografía a economía da poboación. Inevitablemente, en Santiago de Compostela, Piñeira atopa moita faena por facer, «moito futuro por construír e moitos obstáculos a salvar».
—O corazón de Santiago é a zona vella. Que retos ten por diante?
—Baixo o meu punto de vista, o de Santiago pode considerarse un centro histórico dinámico, con vida e movemento. Penso que está lonxe de musealizarse, de convertese nun parque temático para o turista, aínda que o seu gran reto do futuro vai ser non facelo. O obxectivo debería ser o equilibrio, onde o turismo e a cidadanía compartan espazo, pero non debemos deixar que ningunha das dúas partes incline por completo a balanza.
—Debería tentar converterse nunha das chamadas cidade de quince minutos?
—Sobre todo despois do confinamento a xente está a darse conta de que non ten case servizos públicos de proximidade, como poden ser mesmo as tendas. A zona vella é un exemplo disto, facilmente palpable ao darnos conta de que nela tan só hai un supermercado. Podería converterse nunha cidade de quince minutos, pero non parece que se vaia dar ese cambio tendo en conta a realidade actual. Moitos dos seus baixos comerciais están baleiros polas elevadas rendas de alugueiro e outros están transformándose en negocios dedicados ao turista. Sen o comercio de proximidade non hai cidade de quince minutos que poda existir.
—É difícil vivir hoxe alí?
—Ademais dos motivos xa expostos, como a falta de servizos ou os alugueiros altos, ser propietario na parte histórica de Santiago faise complicado ata para facer reformas na casa, pois todo está supeditado ás normas de Patrimonio, esas que precisamente garanten que a cidade non perda a súa identidade. Isto non quita a necesidade de tentar axilizar a burocracia das obras, por exemplo, que fagan a vida máis doada aos residentes e as súas casas máis cómodas.
—Os estudantes tamén forman parte da identidade compostelá. A cidade é atractiva para eles?
—O feito de que moitos propietarios cambien a forma de alugar as súas vivendas pasándoas ao mercado turístico, os prezos das rendas en xeral, o mal estado dos pisos destinados para alugárselles a eles, o feito de que exista boa mobilidade diaria entre as cidades galegas... Todo iso axuda a que Santiago se despoboe de poboación estudante. Iso remata xerando unha perda da vida universitaria, que ao final forma aos futuros graduados como persoas máis aló dos seus estudos. Por todos estes motivos, Santiago debe coidar ao estudante se aínda quere ser no futuro unha cidade universitaria. Os rapaces artellan ademais unha rede economía para a cidade dende sempre, polo que perdelos sería crítico.
—Debe a Universidade crear alternativas habitacionais para o seu alumnado?
—Seguramente algo máis se podería facer, pero resulta inviable xerar, loxicamente, 25.000 prazas residenciais para todo o alumnado. Os estudantes son poboación vinculada, que permanece moito tempo na cidade e, como tal, deben integrarse máis nela, non quedarse só dentro dos campus. Iso tamén axudaría a perder esa parte do seu espírito.
—É hora de poñer sobre a mesa cambios fortes na mobilidade en Compostela?
—Vaino necesitar máis cedo que tarde. O xeito de facelo pasa por ir modificando sectores que permitan avanzar paseniño a toda a cidade, cada parte no seu tempo, como fixo a tan galardoada Pontevedra. Penso que sería clave tamén que as institucións estivesen máis presentes nos barrios para facer ben os cambios, contando cos veciños e cos comerciantes. Por suposto, a peonalización e a eliminación do coche pasan por ter un transporte urbano á altura, e xusto esa é a materia que máis se lle complica a Santiago. Ademais, algo tamén importante é facer máis pedagoxía entre os veciños, pois existe a idea de que todo está moi lonxe andando, cando non é así. Borrada esa idea das cabezas, o camiño é moito máis doado.
«Penso que sería importante ter máis vivenda pública»
En Compostela abundan os grandes propietarios de vivenda, «que durante moito tempo foi e segue a ser vista coma unha inversión». Hoxe, os cidadáns teñen un problema evidente para acceder a ela, tanto os residentes temporais como os que son ou queren ser permanentes.
—A vivenda pública é unha boa solución para Santiago?
—Resulta evidente que a cidade ten necesidade de vivenda. Existe unha gran parte da súa poboación que non é propietaria e que ademais ten rendas baixas, malia que percorra Compostela a idea de que é unha cidade onde vive unha clase media ou mesmo alta. Xusto por iso, porque a realidade é complexa, penso que sería importante contar con máis vivenda pública para artellar con lóxica o futuro urbano da poboación residente. Cómpre, ademais, retirar o estigma que ten a vivenda pública de que é algo marxinal, pois moitas cidades están xa a construíla ou comprala e de calidade, facendo dela unha alternativa seria para familias traballadoras.
—Para os residentes fixos é unha opción, non para os temporais.
—De feito, na actualidade tanto os primeiros coma os segundos están a desprazarse cara a concellos coma Oroso, Ames ou Teo a vivir, dada a imposibilidade de facerse propietario ou mesmo de alugar en Santiago de Compostela. Houbo unha época, durante os anos noventa sobre todo, na que os pais non alugaban, mercaban directamente un piso na primeira periferia compostelá e amortizábano nos anos que os fillos botaban estudando a carreira. Actualmente iso é impensable, como tamén o é dotalos de vivenda pública, que ten que permanecer co seu dono durante tempo, aínda que sexa en forma de alugueiro social.
—Cal debería ser o papel das administracións neste eido?
—En determinadas cidades están a adquirir o papel de intermediarias entre o propietario e o veciño que busca piso. Dese xeito, un concello, por exemplo, pode ser capaz de garantir que a vivenda estea en boas condicións para o alugado e restarlle traballo ao dono que desexa cobrar unha renda polo seu piso, levando a xestión. Pode converterse, ademais, unha garantía de seguridade xurídica total para as dúas partes.