La Voz de Galicia

A illa das Praterías

Santiago

Roberto Almuíña Díaz Presidente da Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca

28 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Santiago adxudicou a Urbaser o servizo de recollida do lixo o 18 de xaneiro de 2022, en cuxa proposta figuraban os colectores de lixo móbiles para a Cidade Histórica. Entre a adxudicación e a sinatura do contrato mediaron catro meses, pero ninguén se acordou do artigo 27 do Plan Especial 1, que establece que a sinalización e o mobiliario urbano requiren informe previo da Comisión Asesora de Patrimonio. Pasados vinte meses desde a adxudicación e nove da entrada en funcionamento das illas colectoras do lixo, alguén acordou solicitar o «preceptivo informe previo» relativo á colocación destes colectores en diversas zonas da cidade.

A nosa asociación manifestou no seu día a oposición a este sistema de recollida do lixo, exclusiva para veciños, mentres que á hostalaría fáiselle a recollida porta a porta. Propuxemos un servizo similar ao que se presta na cidade de Oviedo, no que a empresa concesionaria pon todos os días os cubos correspondentes nas portas das vivendas sen que os veciños teñan que andar buscando o colector a cen metros, ou máis, da súa vivenda.

Atopamos na prensa a nova de que a Comisión de Patrimonio ordena ao Concello retirar a illa colectora das Praterías, e aquí cabe facer un apunte: a devandita Comisión ten funcións asesoras e non executivas, razón pola que só pode «propoñer» e non «ordenar», como parece tirarse da expresión «deberase corrixir a localización».

Fala a Comisión sobre a sobriedade do deseño das illas poñendo énfase nos vinilos e nas cores, para «mellorar a súa integración na cidade histórica de Santiago» e que non «interfira nas perspectivas visuais da cidade histórica», mentres esquece o grao de integración e as mesmas perspectivas visuais do Museo das Peregrinacións, cun tellado de «chapa» e cunhas pendentes que non cumpren as prescricións que afectan a todos os edificios incluídos no Plan Especial 1.

Tamén é loable o interese da Comisión por evitar as perdas de aceite hidráulico destes colectores, sobre todo en contraste co que sucedeu ao longo dos 16 anos que a compactadora botou a carón doutro BIC como é o Pazo de Fonseca, deteriorando os pavimentos, vertendo aceites e líquidos fedorentos sen que ninguén se preocupase por unha situación que, ao longo dos últimos catro anos, puxemos de manifesto desde a Asociación Fonseca, e cuxa retirada foi froito dos nosos esforzos e da inestimable axuda da Oficina da Valedora do Pobo.

A proposta da Comisión de traslado dos colectores, con base no criterio de non interferir na «perspectiva visual da cidade histórica», propón como alternativas situar a illa das Praterías a carón doutros BIC, pero sen cuestionarse a quen serven estes colectores. Como os autores da proposta non teñen que carrexar as bolsas do lixo, de noite e chovendo, chegan a afirmar que os veciños debemos facelo ata 200 metros das nosas vivendas, descoñecendo, ademais, que a taxa de reciclaxe é inversamente proporcional ás distancias dos colectores. Por todo isto, señores da Comisión: ¡Melloren a estética dos colectores e deixen as illas onde están!


Comentar