Ensanche, estreche, Ensanche
Santiago
28 Jan 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Todas as cidades históricas, baixo o lema da ilustración e a modernidade, pasaron por un longo proceso de reformas, derrubando murallas, abrindo luces, buscando horizontes, aire, hixiene. Os primeiros «ensanches» realizáronse no século XVIII no intradorso da cidade, con ordenanzas reguladoras da edificación.
Tamén houbo ideas ensanchistas fóra de muros, como a de converter o campo da igrexa do Pilar nunha praza monumental. A fantasía proxectiva era habitual. No tránsito do século XIX falábase de abrir unha gran vía entre a Porta da Mámoa e San Roque para «cambiar el triste y anticuado aspecto de la población», e xa no XX Antonio Palacios presentou o proxecto para a rúa de Galicia, promovido polo alcalde López Pol e aprobado por unanimidade pola Corporación que presidía Ánxel Casal, ideas ambas que supoñían un derribo masivo do tecido histórico, hoxe inconcibible.
Cada pasado ten a súa razón. A Catedral foi declarada monumento nacional en 1897 e a cidade conxunto histórico en 1941. Houbo, pois, un interregno no que a protección estaba limitada aos grandes monumentos e a palabra patrimonio, no sentido que arestora manexamos, aínda estaba nacendo.
O ensanchismo do século XX sae xa das murallas, acompañado dunha arquitectura burguesa en boa parte protexida, como a que se conserva na Carreira do Conde, a Senra, o Hórreo ou Doutor Teixeiro. Pero nos anos 1960 e 70, como aconteceu en toda España, empeza a perpetrarse o que os composteláns chamamos «estreche» modificando o planeamento a medida, prolongando os fondos, aumentando alturas, sen urbanización apenas, sen aportar as cargas obrigadas, derrubando o edificio Castromil.
O peor foi que ese choque inmobiliario fixo que se perderan en toda Galicia dúas estéticas propias, a burguesa, que desistiu de construír ben a cidade, e a popular, que traía outras ideas da emigración para superar o estigma de pobreza que se atribuía á construción tradicional.
A nova democracia municipal reurbanizou todas as rúas e prazas con servizos e pavimentos, humanizando con árbores floridas. Despois de potentes investimentos públicos, encontrámonos cun distrito denso de vivendas e actividades, que podería converterse, se se acerta, na grande illa peonil, residencial e comercial de Santiago. O Ensanche é unha oportunidade para poñer ao día outra mentalidade ensanchista.
Pero como nos temas de mobilidade todo está relacionado, habería que emprender antes iniciativas na contorna, adelgazando as densidades de tráfico na ronda histórica e Galeras, retirando tráficos ociosos, o que permitiría revisar os sentidos da circulación nas rúas do Ensanche.
Dous exemplos. Rescatar o subsolo da praza de Galicia para uso público e enfrontarse ao eixe Dr. Teixeiro-Puente Castro; os dous carrís de circulación son un na práctica, só cabe unha ringleira de vehículos, sobre todo cando pasan autobuses, en detrimento da superficie peonil. O eixe Santiago de Chile-praza de Vigo, con dimensións maiores, está chamado a unha rehabilitación relacionada coa reformulación do periférico.
Rehabilitar as rúas e prazas supón implantar liñas circulares de transporte público que percorran o anel exterior do Ensanche para salvar as costas, non especializar a calzada en carrís independentes e vexetar máis en previsión do cambio climático, poñendo en solfa o cuarteto aliñado de papeleira, banco, farol e árbore, intervir con estudos de cor en fachadas e portais sen que cada comunidade de veciños vaia por libre e, por que non, considerar a recuperación dos interiores dalgún bloque.
A boa exposición da Casa do Cabido, «Santiago proxectado», presenta en retrospectiva o tránsito do pasado cara ao presente. Aqueles que non vaian por diante, intuíndo e debuxando a cidade desexada, dan a entender que renuncian a entregar o testemuño á próxima xeración para que poida vivir mellor.