La Voz de Galicia

José M. Canabal Vázquez: «O éxito da Festa da Filloa de Lestedo é dos veciños, somos 250 persoas»

Santiago

Irene Martín Santiago / La Voz

O que fora mestre nos xesuítas destaca que foi «moi feliz» dando clase

05 Feb 2024. Actualizado a las 21:33 h.

É un dos veciños de Lestedo que traballaron pola festa da filloa desde o seu nacemento. «Empecei cando as facíamos con faíscas», afirma José Manuel Canabal Vázquez (Boqueixón, 1956), presidente da Asociación Cultural da Festa da Filloa desde hai dez anos. O domingo, 18 de febreiro, é o día propio, pero este sábado celebrarán a Filloíña, unha festa infantil que se fai para «traer canteira» e pensando en que algún día «hai que deixar paso», advirte Canabal. «A da filloa empezou sendo unha festa da parroquia. Os veciños facían as filloas na casa e levábanas aos chiringuitos para que as regalasen coa consumición. Os primeiros anos non se cobraban, tiñamos máis interese en servir. Agora cobramos cinco euros a ducia, pero este ano subimos a seis, porque os ingredientes do amoado subiron moito», indica o veterano filloeiro.

Nos tres días de festexos suman unhas 40.000 persoas: «O éxito da festa está en que os veciños de Lestedo colaboran moito facendo filloas, turnos… Traballamos arredor de duascentas cincuenta persoas, o Concello colabora, pero son os veciños os que fan todo». Hai dúas filloeiras que sacan dúas mil cada hora; funcionan quince horas, por tres días, polo que saen arredor de noventa mil filloas, calcula a organización. «En realidade superamos as cen mil, xa que aparte facemos filloas sen glute, á pedra, espectáculos de cociña… Tamén temos unha escola filloeira para ensinar á mocidade», engade.

Este febreiro fan a edición número 41 e durante todo o ano a asociación vai planificando a conmemoración. «Logo da celebración facemos unha valoración e vemos onde podemos mellorar, pero as cousas que funcionan non se tocan. Entre as aspiracións deste ano está o feito de que queremos implicar a máis xente, sobre todo ás persoas vulnerables. Haberá aseos públicos, cousa que non tiñamos. Tamén temos aparcamento gratuíto, pero segue sendo insuficiente», tal como explica Canabal, que foi concelleiro de Turismo na anterior corporación.

As colas que se forman para mercar as filloas, ata dúas horas, son un inconveniente; pero o presidente explica que hai tanta aglomeración que resulta complicado, xa que a xente consome moita filloa e tamén leva para a casa, agrega. «Un día da Filloa estiven eu desde as tres da tarde ata as once da noite e chamoume a atención que non recibise ningunha crítica. Ao tempo que están na cola, a xente escoita as orquestras, bailan e pasan o tempo», sinala José Manuel, que non faltou ningún ano. «É algo que me gusta, que levo dentro. Quérolle moito a Lestedo», subliña.

O pregoeiro desta edición será Javier Olleros, chef dúas estrelas Michelin do restaurante grovense Culler de Pau. Pero alguén que estivo moi ligado á efeméride desde o principio, e pregoeiro en 1994, foi o xornalista radiofónico Luis Rial, que finou recentemente. «Estamos pensando en facerlle un recoñecemento, porque Rial sempre nos apoiou desde a Radio Galega, e mesmo fixo a presentación en compañía de Xacobe Pérez Paz, que tamén foi pregoeiro en 2007», expresa con emoción. Repasando a historia, Canabal destaca a Juan Viaño —«ilustre veciño da parroquia de Sergude», di—, en 2016, cando era reitor da USC; e a María Mera, en 2010, presentadora da festa desde hai anos.

José Manuel Canabal foi mestre durante trinta e cinco anos no desaparecido colexio santiagués San Francisco Javier: «Empecei tendo corenta e sete nenos na aula e acabei con catro. O ensino cambiou moito. Naquel cole os pais implicábanse moito e os resultados eran bos. Fun moi feliz dando clase».


Comentar