Banda Grileira rende tributo á música galega do século XX
Santiago
Cincuenta artistas ofrecerán en Melide un repertorio tradicional e sinfónico
02 May 2024. Actualizado a las 05:05 h.
Medio cento de músicos subirán este sábado ao escenario do centro sociocultural Mingos de Pita, en Melide, para tributar unha homenaxe ás bandas de música, charangas e murgas que, ao longo do século XX, divulgaron, a través dos seus repertorios, a música tradicional, contribuíndo dese xeito a poñela en valor. Os artistas presentaranse ante o público como Banda Grileira, que, como formación, adopta parcialmente o nome da escola de baile e música tradicionais ao abrigo da que nace a iniciativa. Porque no forno de Herba Grileira se coceu un proxecto no que participan corenta profesores e alumnos desa escola melidense, xunto con dez instrumentistas procedentes das bandas de música de Visantoña, Antas de Ulla e Agolada.
É así —xuntado gaitas, percusións, acordeóns e voces con saxofóns, clarinetes, clarinete baixo, frauta traveseira, trompa, trombón e trompeta, e, puntualmente, violíns— como se consegue artellar «un repertorio variado que mestura música tradicional e sinfónica», explica o músico Miguel Varela, profesor de diferentes disciplinas instrumentais, e tamén de baile, en Herba Grileira. O concerto do sábado no centro cultural de Melide —programado para as oito e media da tarde— é o resultado, ademais dos ensaios, de meses de traballo, elixindo repertorio, arranxando partituras, e estruturando un espectáculo que tamén contén diferentes proxeccións «para situar ao público na época e para darlle a coñecer a historia musical das bandas e a súa influencia na música tradicional», explica Varela, que ve, ao fin, materializada unha idea coa que levaba anos na cabeza e que empezou a fraguar con outros músicos cando en decembro os xuntou a Semana da Música que por esas datas organiza a Coral Polifónica de Melide.