La Voz de Galicia

As autoras mandan nos Follas Novas ao vencer en 10 seccións

Santiago

M. G. iglesias santiago / la voz

Susana Sanches Arins gañou en narrativa e Silvia Penas, en poesía

12 May 2024. Actualizado a las 05:00 h.

As autoras foron as dominadoras da novena edición dos Premios Follas Novas do Libro Galego que recoñecen os traballos e produción do 2023. Impuxéronse en dez das trece categorías durante a gala que se celebrou onte no Teatro Principal de Santiago. Cinco corujas (Através Editora), de Susana Sanches Arins, gañou na sección de narrativa, mentres que Retratos de vodas, partos e funerais (Galaxia), de Silvia Penas, venceu en poesía.

Tamén tivo como gañadoras a mulleres o premio á obra de divulgación, que recaeu en O cento voando. Amores, alianzas e non-monogamias (Xerais), que coordinaron Andrea Nunes Brións e Ánxela Lema. Leticia Barballido alzouse como vencedora do premio á obra infantil con A botella de lentellas (Xerais) e Andrea Maceiras, en obra xuvenil por Buburllas de calma serena (Cuarto de Inverno).

O recoñecemento na categoría de libro ilustrado foi para Maruja Mallo. Enigmaticamente única (Bululú), de Bea Gregores (ilustradora) e María Canosa. Afra Torrado fíxose coa distinción en banda deseñada, gráfico e humor con Fago o que podo (Rodolfo e Priscila), e Lorena Conde, coa de teatro por Festas de gardar. Díptico para a resistencia (Cuarto de Inverno). Pola súa banda, o galardón á mellor obra traducida recaeu en Deiche os ollos e miraches as tebras (Kalandraka), de Irene Solá. Foi trasladado ao galego por María Alonso Seisdedos. A publicación mellor editada foi O gran libro dos nosos montes (Cumio Editorial), de Blanca Millán.

 

 

 

 

A nómina de gañadores completárona Francisco Xosé Fernández Naval na sección de ensaio e investigación por Ser cetáceo. O fascinante inverno do animal de fondo (Bululú); Edicións Laivoento pola súa colección Cademaia como mellor iniciativa bibliográfica; e Espazo Lectura, de Gondomar, pola promoción da lectura.

 

Ademais, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, impulsoras desta gala, entregaron os seus premios honoríficos. Foi recoñecida a libraría Eixo, de Ourense, que acaba de cumprir 25 anos; así como o editor Francisco Porrúa, nacido en 1922 en Corcubión e que faleceu no 2014. Foi editor de Cortázar, Tolkien e Ballard, entre outros. O premio recolleuno o seu fillo Antonio Porrúa. Pola súa banda, o vasco Joseba Sarrionandía recibiu a distinción de Escritor Galego Universal.

A presidenta da Federación de Librarías, Cielo Fernández, salientou na gala que «un ano máis fomos quen de manter a espléndida diversidade do noso ecosistema, tanto editorial como libreiro». Incidiu, tamén, en que a calidade da produción escrita en galego segue a ser moi alta. A gala foi presentada por Xosé Barato e contou coa música de SAL.


Comentar